Rusia inquire se Ucraína ten "permiso" da OTAN para comezar unhas negociacións de paz cada vez máis próximas

Kíiv choca cos aliados ao abrirse ás conversas con Moscova.
O líder ruso Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press)
photo_camera O líder ruso Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / DPA vía Europa Press)

Un día despois de que o ministro de Exteriores ucraíno, Dmytro Kuleba, reiterara nunha visita á China na que demandou ao país asiático que exerza como mediador a súa disposición a negociar con Rusia a fin da guerra, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, constatou a quinta feira que o Goberno de Vladimir Putin “está aberto a un proceso de negociación”.

Con todo, asegurou que “primeiro debemos entender que tan preparada está Ucraína e se ten permiso dos seus interlocutores [en alusión á Organización do Tratado do Atlántico Norte, OTAN] para iso”, remarcando que están a facer “declaracións contraditorias” e que “hai que aclarar moitas cousas” para o inicio do diálogo.

Precisamente integrantes da OTAN frearon o acordo de paz que Ucraína e Rusia estaban dispostas a asinar nos primeiros compases da invasión, e que recollía que Kíiv sería un Estado neutral, polo que non se uniría á alianza militar controlada polos Estados Unidos, que canda a Unión Europea (UE) foi clave no golpe de Estado impulsado pola ultradereita en 2014, e que derivou no comezo das hostilidades no país eslavo.

A viraxe da política ucraína cara a unhas negociacións de paz, que segundo a enquisa do medio local ZN apoia 44% da poboación, está a supor unha ruptura no acoplamento de Kíiv cos seus socios occidentais, que insisten na vía militar e no envío de armas -sen descartar o de soldados- ao Exército ucraíno en paralelo a unha escalada armamentística que está a beneficiar as súas empresas de produción de material militar e armas. O certo é que a OTAN concentra 56% do gasto militar mundial.

Isto está relacionado por unha parte co posíbel regreso do ex mandatario Donald Trump á Casa Branca após insistir en que acabaría co conflito nun día, mais tamén coa difícil situación na que se atopa o Exército ucraíno, que non logra frear os constantes avances rusos malia os envíos de armamento occidental e substituír as unidades que perde na fronte.

A China

Aínda así, incluso co aval de Trump para as conversas o achegamento á China, que presentara o primeiro plan de paz para acabar co conflito, é unha liña vermella para a OTAN, que segue acusando Beijing, que se define como neutral, de “facilitar” a guerra a Rusia.

Ao respecto, Zhang Xiaogang, voceiro do Ministerio de Defensa, inculpou a alianza militar por “botar máis leña ao lume” co fin de “sacar proveito da guerra”.

Comentarios