O Supremo español envía a lei de amnistía ao Tribunal Constitucional e considera o 'procés' un golpe de Estado

Pedro Sánchez reclama declarar por escrito na causa contra a súa parella.
O Senado español ao aprobar onte a remuda no Poder Xudicial. (Foto: Senado español)
photo_camera O Senado español ao aprobar a cuarta feira a remuda no Poder Xudicial. (Foto: Senado español)

Noutra resolución da Xustiza española, controlada polos conservadores, cun forte contido político, o Tribunal Supremo remitiu a cuarta feira a lei de amnistía a persoas independentistas catalás represaliadas ao Tribunal Constitucional nunha cuestión de inconstitucionalidade para que determine se a norma ten encaixe na Constitución estatal, cualificando o proceso de autodeterminación en Catalunya como un “golpe de Estado”.

Centrándose na aplicación da amnistía nos delitos de desordes públicos e atentado contra a autoridade, sostén que a lei vulnera a seguridade xurídica e “repugna o dereito constitucional á igualdade ante a lei”, que cualifica como "arbitraria", subliñando a “absoluta convicción” de que vulnera a Carta Magna.

A medida chega no medio da remuda do Consello Xeral do Poder Xudicial pactada por PSOE e Partido Popular (PP), que completou a cuarta feira o Senado, e da causa contra Begoña Gómez, parella do presidente español Pedro Sánchez, quen respondeu ao xuíz Juan Carlos Peinado, que o citou para declarar como testemuña, que ten amparo legal para presentar a declaración por escrito.

Comentarios