Protestas climáticas obrigan a suspender 140 voos no primeiro aeroporto alemán

Sucédense os récords de altas temperaturas polo quecemento global.
Pantalla a quinta feira do aeroporto de Frankfurt con múltiples cancelacións. (Foto: Helmut Fricke / DPA vía Europa Press)
photo_camera Pantalla a quinta feira do aeroporto de Frankfurt con múltiples cancelacións. (Foto: Helmut Fricke / DPA vía Europa Press)

Arredor de 140 voos foron suspendidos a quinta feira por razóns de seguridade no aeroporto alemán de Frankfurt, o máis importante do país, logo de que activistas a favor do medio ambiente executaran unha protesta no comezo da tempada de vacacións no país para alertar do risco que supón o cambio climático, no marco da que racharon os valados para penetrar na instalación.

O grupo detrás da mobilización, Última Xeración, realizara a cuarta feira outra protesta no aeroporto de Colonia-Bonn que causou a cancelación de 31 voos en paralelo a outras protestas en aeroportos de Finlandia, Noruega e o Estado español.

Nesa xornada transcendeu que, no contexto do aumento das temperaturas polo uso de combustíbeis fósiles, a segunda feira foi o día máis quente rexistrado na Terra, unha tendencia que se confirmou que prosegue, pois a terza feira foi o segundo día máis cálido endexamais rexistrado. Nese sentido, o director da entidade da Unión Europea (UE) Copernicus, Carlo Buontempo, advertiu que “estamos en territorio inexplorado”.

Comentarios