Finaliza a campaña electoral para as eleccións presidenciais en Venezuela do domingo

As enquisas están enfrontadas segundo a súa adscrición ideolóxica.
Acto de campaña de Nicolás Maduro esta semana. (Foto: Presidencia de Venezuela).
photo_camera Acto de campaña de Nicolás Maduro esta semana. (Foto: Presidencia de Venezuela).

Na última xornada da campaña electoral de cara ás eleccións presidenciais que decorrerán o próximo domingo en Venezuela, o progresista Gran Polo Patriótico Simón Bolívar, baixo o que se presenta á reelección o mandatario Nicolás Maduro, lanzou a quinta feira unha vaga de actividades na capital, Caracas, desde ás 9 da mañá hora local (ás 15 horas na Galiza).

Nahum Fernández, vicepresidente de Mobilización e Eventos do Partido Socialista Unido de Venezuela de Maduro, salientou que ao longo da campaña o presidente estivo en máis de 270 localidades.

Con anterioridade, Maduro defendeu a expansión e fortalecemento do que cualificou como modelo humanista e socialista venezolano.

As últimas xornadas de campaña estiveron marcadas polo choque con Lula da Silva, presidente do Executivo progresista brasileiro, despois de que Maduro sostivera que se a extrema dereita, como categoriza o seu principal rival, Edmundo González, chega ao poder desatará un “baño de sangue”.

Lula contestou subliñando que en democracia “o que perde leva un baño de votos, non un baño de sangue”, ao que reaccionaron os partidarios de Maduro alegando que as declaracións foran descontextualizadas.

Oposición

En paralelo, a opositora Plataforma Unitaria Democrática de González rematou a campaña tamén en Caracas, no barrio de clase alta das Mercedes. Horas antes, González brindou unha rolda de prensa con María Corina Machado, elixida orixinalmente como candidata da agrupación a pesar de estar inhabilitada.

Ao tempo desenvolveuse un enfrontamento nas enquisas, que apostan pola vitoria de Maduro ou González segundo a adscrición de quen as fai.

Comentarios