O Reino Unido non bloqueará a orde de arresto contra Netanyahu no Tribunal Penal Internacional

Israel intenta obstaculizar un pacto de alto o fogo.
Keir Starmer a cuarta feira. (Foto: Lucy North / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Keir Starmer a cuarta feira. (Foto: Lucy North / PA Wire / DPA vía Europa Press)

Nun intento de diferenciar a súa política do seu predecesor, Rishi Sunak (Partido Conservador), e tras uns resultados electorais inferiores ao esperado no medio das críticas pola súa posición pro sionista, o novo primeiro ministro británico, Keir Starmer (Partido Laborista), non bloqueará a solicitude da Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) de que se emita unha orde de arresto, entre outras persoas, contra o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, por crimes de guerra e contra a humanidade, polo que abandona a impugnación que o país presentara inicialmente, comunicou a sexta feira a súa oficina, sinalando que “é un asunto que debe decidir o tribunal”.

Así e todo, foi precisamente a apelación británica, aceptada polas maxistradas e maxistrados que teñen que decidir se aceptan a solicitude da Fiscalía, a que desencadeou un importante atraso na decisión.

Nese contexto, permitiuse presentar argumentos a arredor de 60 Estados e organizacións, entre eles os Estados Unidos, que non asinaron o Estatuto de Roma que derivou na creación do órgano.

A Fiscalía fixo a petición hai máis de dous meses e a falta de resposta a pesar do masivo volume de probas contra Israel polo que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio en Gaza contrasta con outras accións do TPI, como a orde de arresto ao presidente ruso, Vladimir Putin, que se emitiu en apenas tres semanas.

Ao tempo, Netanyahu volveu ignorar as demandas públicas do seu principal aliado e provedor armamentístico, os Estados Unidos, que non obstante non amosan ningún indicio de estar dispostos a mudar a súa política sobre o réxime de apartheid sionista.

Boicot á tregua

Cando a quinta feira o primeiro ministro, que a sexta feira estivo con Donald Trump, se reuniu co presidente Joe Biden e a vicepresidenta e con moita seguridade candidata demócrata, Kamala Harris, tivo que escoitar as súas reclamacións para que acepte un alto o fogo que Netanyahu bloqueou en múltiples ocasións.

En paralelo, ademais de desatarse unha nova serie de bombardeos indiscriminados contra a poboación civil da Faixa, a axencia Reuters revelou que Israel presentou novas exixencias fóra do acordo marco pactado nas negociacións da tregua e transcendeu a morte dun alto cargo de Hamás que estaba baixo custodia israelí. A tortura contra as persoas palestinas presas é unha constante en Israel.

Comentarios