A UE pon a disposición de Ucraína as ganancias de activos rusos conxelados, 1.500 millóns de euros

A maioría dos fondos, que canalizará Bruxelas, son para armas.
Ursula von der Leyen. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA vía Europa Press)
photo_camera Ursula von der Leyen. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA vía Europa Press)

A presidenta da Comisión Europea, a alemá Ursula von der Leyen, fixo público a sexta feira que o bloque comunitario xa conta con 1.500 millóns de euros procedentes dos xuros dos activos rusos conxelados como parte das sancións coercitivas contra Moscova pola invasión de Ucraína, e que destinará a Kíiv por medio de organismos de Bruxelas no que sería o primeiro pago após o acordo alcanzado en maio polos integrantes da Unión Europea (UE).

90% deses fondos irán destinados á adquisición de armas e material militar e o 10% restante está orientado á industria militar ucraína ou a unha hipotética reconstrución logo da fin do conflito bélico.

Seguridade xurídica

Esta medida está impulsada polos Estados Unidos, que, non obstante, aspiraban a remitir a Kíiv directamente os activos rusos conxelados, o que foi rexeitado por Bruxelas polo temor aos seus efectos a nivel internacional, como a retirada dos fondos no bloque de países do Sur Global, pola potencial violación da seguridade xurídica.

Ao respecto, Arabia Saudita xa deixou entrever segundo a axencia Bloomberg que se os países occidentais confiscan definitivamente os activos rusos vendería parte da débeda que posúe de países da UE. O país árabe uniuse este ano ao grupo Brics.

Para encaixar legalmente a decisión a Comisión aprobou a comezos deste ano un decreto que sostén que os ingresos procedentes dos activos rusos conxelados non se poden considerar de propiedade rusa.

Moscova sinalou que responderá apuntando a activos occidentais no seu territorio e advertiu á UE que a decisión socava a confianza no sistema financeiro internacional.

Comentarios