París 2024

Fran Garrigós dá ao deporte galego a primeira medalla nos Xogos

O madrileño, que compite con licenza galega, venceu o xeorxiano Sardalashvili na final polo bronce. Laura Martínez quedou ás portas do metal.
Fran Garrigós (azul) venceu na final polo bronce o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili. [Foto: Yuri Carrazoni Mier]
photo_camera Fran Garrigós (azul) venceu na final polo bronce o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili. [Foto: Yuri Carrazoni Mier]

Comezaron os Xogos Olímpicos de París da mellor forma posíbel para o deporte galego. Na mañá deste sábado os judokas Fran Garrigós (-60 kg masculino) e Laura Martínez (-48 kg), ambos os dous madrileños de nacemento pero competindo con licenza galega e considerados pola Xunta deportistas galegos de alto nivel, mostraron a súa superioridade sobre o tatami do Champ de Mars Arena e foron derrotando os seus rivais con solvencia até clasificárense ás súas respectivas semifinais. No pavillón estivo presente o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e mais o do COE, Alejandro Blanco.

Garrigós medíase nas semifinais ao kazako Yeldos Smetov, bronce en Toquio e prata en Rio. Pola súa parte, Martínez tiña fronte a ela un dos ósos máis duros de roer nestes Xogos: a actual campioa do mundo nesta disciplina, a mongola Bavuudorzhiin Baasanjüü. O traballo dos últimos tres anos decídese en menos de 24 horas este sábado en París. E así o vivimos, minuto a minuto, en Nós Diario.

Repesca feminina de -48 kg

A primeira proba desta tarde será a repesca feminina na categoría de -48 kg, da que sairán as judokas que se medirán coas dúas perdedoras das semifinais polo bronce. Enfróntanse a italiana Assunta Scutto e a francesa Shirine Boukli. Vense abaixo o pavillón cando a presentan polas pantallas. Nótase que Boukli xoga na casa, o público está volcado con ela. Levou a iniciativa durante todo o enfrontamento e terminou vencendo por un punto a cero ao remataren os catro minutos de tempo regulamentario, que xogou ao seu favor.

Quenda agora da segunda repesca, na que se miden a paraguaia Gabriela Narváez e a kazaka Abiba Abuzhakynova, eliminada pola judoka con licenza galega Laura Martínez. Vence a kazaka por ippon.

Semifinais femininas de -48 kg (Martínez)

Chega agora a quenda de Laura Martínez. Terá diante a actual campioa asiática e do mundo na categoría, a mongola Bavuudorzhiin Baasanjüü. Empeza moi forte Martínez buscando tombar a súa rival e defendéndose ben cun excelente traballo no chan. Combate moi igualado que acaba no punto de ouro, que prolongou a contenda outro minuto e medio... e finalmente non puido ser. Vence a mongola por ippon e pasa á final.

Segunda semifinal agora, entre a sueca Tara Babulfath e a xaponesa Natsumi Tsunoda. Moita igualdade tamén nesta segunda semifinal que terá que decidirse no punto de ouro, igual que a de Martínez, ao non ser capaz ningunha das judokas de se impor nos catro minutos regulamentarios. Punto para a xaponesa que non é ben recibido nin pola súa contricante, que protesta a decisión, nin polo público, que apupa con forza. Pasan á final Tsunoda e Baasanjüü.

Repesca masculina de -60 kg

Pasamos agora á categoría -60 kg masculina e comezamos coa repesca. No primeiro enfrontamento mediranse o xaponés Ryuju Nagoyama, eliminado por Fran Garrigós —a quen se negou a saudar rematado o combate ao considerar que incorrera nunha actitude antideportiva— e o taiwanés Yung Wei Yang. E venceu Nagoyama, que se suma á loita pola medalla de bronce.

Soben agora ao tatami o surcoreano Won Jin Kim e o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili. Gaña por ippon Sardalashvili, que pugnará tamén por subir ao podio.

Semifinais masculinas de -60 kg (Garrigós)

E chegou a hora da verdade no -60 kg masculino. Primeira semifinal entre o turco Salih Yildiz e o francés Luka Mikheidze, que conta co apoio masivo do público do Champ de Mars Arena. Berros incesantes de "Luka, Luka". Leva a iniciativa o francés mais non consegue tombar o seu oponente no tempo regulamentario. Chegamos ao punto de ouro... e termina vencendo o francés. Medalla asegurada para os anfitrións, unha presea que o diario L'Équipe estimaba de ouro nos seus prognósticos.

E quenda agora para Fran Garrigós! Mídese na súa semifinal ao kazako Yeldos Smetov, bronce en Toquio e prata en Rio. O combate chega ao punto de ouro. Moi ben Garrigós... mais finalmente non puido ser. Ippon e gaña o kazako após un combate moi igualado que tivo que chegar ao punto de ouro. Garrigós loitará polo bronce. Smetov medirase a Mikheidze na final, ambos xa con medalla asegurada.

Loita polo bronce na feminina de -48 kg (Martínez)

Camiño moi complicado para Laura Martínez na procura do bronce, pois deberá medirse en primeira instancia coa anfitrioa Shirine Boukli, que terá a inmensa maioría do público do Champ de Mars Arena ao seu favor. Trompetas de guerra para recibir Boukli, que parece levar a iniciativa durante o combate mais non logra someter Martínez. Chegamos ao punto de ouro. E pasados case dous minutos, a francesa dobrega unha insistente Laura Martínez, que aguantou con dúas amoestacións e demostrou unha e outra vez que o de renderse non vai con ela. Bronce para Boukli após revisar o VAR unha inmobilización que alcanzou os dez segundos.

Quenda agora para a sueca Tara Babulfath, a outra perdedora das semifinais, e a kazaka Abiba Abuzhakynova, que se gañou na repesca loitar polo metal. E vence a sueca, unha das favoritas na competición, por ippon. Primeiro bronce para Suecia nesta disciplina —en judo as dúas gañadoras das súas respectivas eliminatorias polo bronce comparten a medalla—.

Final do -48 kg feminino: Tsunoda vs Baasanjüü

E chega un dos pratos fortes da xornada: a final no -48 kg feminino entre a xaponesa Natsumi Tsunoda, campioa mundial tres anos consecutivos, e a mongola Bavuudorzhiin Baasanjüü, quen lle tomou a remuda este ano como a mellor do mundo. En xogo, un ouro e a gloria eterna entre estas dúas xigantes do judo. Tsunoda foi visibelmente superior no combate e conseguiu proclamarse campioa olímpica da categoría.

Loita polo bronce na masculina de -60 kg (Garrigós)

Chegan as finais polo bronce na categoría masculina de -60 kg. O turco Salih Yildiz, bronce europeo, e o xaponés Ryuju Nagoyama, dobre medallista mundial (bronce). E venceu Nagoyama, moi superior, por ippon. Medalla de bronce para Xapón.

Quenda agora de Fran Garrigós, que conseguirá o metal se supera o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili. O combate, moi igualado, chega ao punto de ouro... e venceu Garrigós! Tremenda a competición do judoka con licenza galega, que dá ao deporte do país o seu primeiro metal nestes Xogos. É a primeira medalla olímpica para o judo do Estado español en 24 anos.

Final do -60 kg masculino: Mikheidze vs Smetov

E na final olímpica do -60 kg acabou por imporse o kazako Yeldos Smetov, verdugo de Garrigós, ao anfitrión e favorito Luka Mikheidze.

Comentarios