París 2024

CRÓNICA | Comezan os Xogos da XXXIII Olimpíada: así vivimos unha peculiar inauguración pasada por auga

85 embarcacións desfilan polo corazón de París a través do río Sena para presentar ante o público as e os mellores atletas do mundo na cerimonia de apertura máis innovadora na historia dos Xogos Olímpicos, que non se detivo malia a intensa choiva.
Cerimonia de apertura dos Xogos de París 2024. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera Cerimonia de apertura dos Xogos de París 2024. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Como cantaba Queen, The Show Must Go On. Esta sexta feira as augas do río Sena acolleron a cerimonia de apertura máis innovadora da historia do olimpismo, pois no canto de se realizar o tradicional desfile de atletas dentro do Stade de France, como cabía esperar, a organización de París 2024 optou por romper co estabelecido e preparar unha particular procesión surcando seis quilómetros do río parisino de leste a oeste e rematando no Parque dos Campións de Trocadéro, onde se completaron os habituais ritos olímpicos. Comezan oficialmente —aínda que na desde a cuarta feira xa se viñeron disputando as roldas previas dalgúns deportes— os Xogos da trixésimo terceira Olimpíada.

Un total de 85 embarcacións nas que navegaron uns 6.000 atletas de 205 comités olímpicos diferentes. Houbo importantes ausencias, como moitos dos equipos de fútbol -caso da selección española feminina da galega Teresa Abelleira- que, curiosamente, non pisarán a capital francesa ao longo da competición, pois xogarán en estadios situados noutras cidades do país. Mención aparte merecen as surfistas, desprazadas até a illa oceánica de Tahití —pertencente á Francia de ultramar—.

Cerimonia de apertura dos Xogos de París 2024. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
Cerimonia de apertura dos Xogos de París 2024. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Decenas de miles de persoas congregáronse en diferentes pontes e ás dúas beiras do Sena para presenciar o máxico momento no que as mellores deportistas do mundo saudaron o mundo enteiro. No palco de autoridades había máis dun centenar de xefes de Estado e nas tribunas de prensa, varios centos de xornalistas e fotógrafas.

A xornada, porén, non comezou todo o ben que cabía esperar, pois unha sabotaxe múltiple en diferentes puntos da rede ferroviaria francesa provocou o caos e afectou miles de pasaxeiras a escasas horas de se iniciaren os Xogos. "Sabían onde golpear", dixo o primeiro ministro, Gabriel Attal, sobre un suceso do que aínda non se coñece a autoría nin a motivación exacta e que xa está en mans da Fiscalía.

E contra o mediodía era desaloxado o Euroaeroporto franco-suízo-xermano de Basilea por precaución após recibir unha ameaza de bomba que, segundo a información transcendida até o momento, resultou ser falsa. O aeródromo recuperou a normalidade pouco tempo despois. En calquera caso, as autoridades confiaban no amplo dispositivo despregado por toda a capital francesa no marco da operación antiterrorista 'Sentinela', que congregou uns 45.000 policías, 800 militares e 600 axentes do servizo secreto e que contou tamén co apoio de axentes doutros países.

Os arredores do Sena ficaron nun perímetro de seguridade ao que non se podía acceder sen a debida acreditación de prensa ou entrada para o público e con fortes controis de seguridade en cada un dos seus accesos. Varias paradas de metro próximas foron clausuradas temporalmente, e o tráfico polas estradas lindeiras á 'zona cero', restrinxido a quen tiñan autorización para iso. Os controis estes días son tan exhaustivos que, unha vez examinan a nosa mochila e atopan nela unha botella de auga, un axente da Gendarmerie pídenos probala diante del, "para asegurar que é auga".

Cerimonia de apertura dos Xogos de París 2024. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
A actuación de Lady Gaga polas pantallas. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Unha cidade blindada por terra, mar e aire con helicópteros sobrevoando o Sena e controis de seguridade a cada paso na que, finalmente, saíu todo conforme o esperado... agás por unha intensa choiva que, con todo, non puido frear a explosión de ledicia que se vivía nas bancadas á beira do Sena.

Contra as 19.30 horas, con total puntualidade, as pantallas xigantes instaladas por todo o percorrido proxectaron un vídeo protagonizado por un neno que portaba o facho olímpico e o ex futbolista Zinedine Zidane, o que provocou fortes aplausos, e inmediatamente despois a organización deu paso ao presidente de Francia, Emmanuel Macron, e o do COI, Thomas Bach, cuxo saúdo ante o público deu comezo á cerimonia. O primeiro barco en partir, como marca a tradición, foi o das e dos atletas de Grecia. Acto seguido saíu o do equipo das e dos refuxiados, recibido con ovación. A continuación, o resto de comités olímpicos desfilaron por orde alfabética. Un músico acompañaba co seu acordeón a saída das embarcacións desde a ponte de partida.

E após Bahrein chegou unha das primeiras sorpresas da noite: actuación musical de Lady Gaga, que xa entraba nas quinielas. Mais tarde foi a quenda da embarcación do Comité Olímpico Español, que levou como abandeirados un balear, Marcus Cooper, e unha galega, a campioa olímpica Támara Echegoyen.

O dioivo non conseguiu deter a gran festa do deporte mundial, que continuou entre a música e a recepción ás e os mellores atletas. Non faltou tampouco a homenaxe a Alice Milliat, a muller (francesa) que logrou a inclusión do deporte feminino nos Xogos. Homenaxes tamén para Paulette Nardal, Jeanne Barret, Christine de Pizan, Louise Michel, Alice Guy e Simone Veil mentres soaba A Marsellesa de fondo e o público enmudecía.
Dan comezo oficialmente as dúas semanas que as persoas amantes do deporte levaban anos esperando -desde os Xogos de Rio en 2016 máis concretamente, pois a pandemia cercenou os de Toquio-.

Comentarios