París 2024

Sen tregua nin nas Olimpíadas: Palestina chega aos Xogos após perder centos de deportistas pola ofensiva israelí

O presidente do Comité Olímpico Palestino, Jibril Rajoub, salientou a importancia de que o deporte do seu país participe da cita olímpica.
A delegación olímpica palestina, esta quinta feira, á súa chegada a París. (Foto: COP)
photo_camera A delegación olímpica palestina, esta quinta feira, á súa chegada a París. (Foto: COP)

A diferenza de Rusia e Belarús, cuxos comités olímpicos foron castigados pola invasión de Ucraína, Israel si poderá participar nos Xogos de París. Mais tamén o farán até oito atletas palestinos que esta quinta feira chegaron á capital francesa entre aplausos e berros de "Palestina libre".

O presidente do Comité Olímpico Palestino (COP), Jibril Rajoub, salientou a importancia de que o deporte do seu país participe da cita olímpica, e asegurou que os oito representantes son "embaixadores da causa xusta palestina". E representan tamén, dixo, o "tormento, sufrimento e resiliencia" do seu pobo.

O presidente do Comité Olímpico Palestino, Jibril Rajoub, cos seus atletas. (Foto: COP)
O presidente do Comité Olímpico Palestino, Jibril Rajoub, cos seus atletas. (Foto: COP)

Porque estas oito persoas van competir, salientou, sen poder esquecer as circunstancias "sen precedentes" que arrodean as súas propias vidas, pois non é doado centrarse na competición cando moitos dos teus familiares son albo dos bombardeos diarios israelíes. Até o momento, desde que se iniciou a cruenta ofensiva sobre Gaza, morreron máis de 300 deportistas, segundo as estimacións do COP.

Un dos casos máis destacados é o de Majed Abu Maraheel, ex atleta e adestrador e o primeiro abandeirado de Palestina nuns Xogos, os de Atlanta 1996, por mor da falta de acceso a tratamentos médicos e subministracións básicas no campo de refuxiados de Nuseirat, onde residía. Tamén morreron nos bombardeos os futbolistas Mohammed BarakatHani Al-Masdar, entre unha longa lista de decesos.

Bandeira palestina ondeando nun balcón dun edificio da Vila Olímpica. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
Bandeira palestina ondeando nun balcón dun edificio da Vila Olímpica. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

De feito, dada a situación actual, só dous dos oito representantes olímpicos palestinos residen no seu país de orixe, máis concretamente na rexión de Cisxordania. Son o boxeador Waseem Abu Sal, o primeiro do seu país neste deporte, e o corredor Mohammed Dwedar, que se enfrontará, entre outros, ao galego Adrián Ben na proba de 800 metros.

A nómina de deportistas palestinos complétana o taekwondista Omar Yaser Ismail, o nadador Yazan Al-Bawwab, o judoca Fares Badawi, o tirador Jorge Antonio Salhe, a corredora Layla Al-Masri e a nadadora Valerie Tarazi.

Comentarios