Abanca aumenta 50% os beneficios e consegue "o mellor resultado en toda a historia do banco"

Abanca obtivo un beneficio atribuído de 412 millóns de euros no primeiro semestre de 2024, o que supón un 48,5% máis que no mesmo período de 2023.
Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Abanca obtivo un beneficio atribuído de 412 millóns de euros no primeiro semestre de 2024, o que supón un 48,5% máis que no mesmo período de 2023. Esta cifra supón unha rendibilidade sobre capital tanxíbel (Rotar) de 16,9%.

Nunha rolda de prensa decorrida en Santiago de Compostela, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou que, "claramente, pasa a ser o mellor resultado en toda a historia do banco", que é a entidade financeira con maior implantación na Galiza.

Segundo apunta, esta é unha rendibilidade "sólida" e "recorrente", á vez que se sitúa como o banco "co maior resultado" de todos os que presentaron as súas contas en crecemento de ingresos e mellora de eficiencia, cun 34% máis de marxe básica.

Expansión fóra da Galiza

De tal forma, Abanca supera os 128.000 millóns de euros de volume de negocio coa integración do portugués EuroBic. Neste sentido, Escotet subliña que esta adquisición permite "consolidar" a sétima posición no mercado do Estado español, ademais de levar a cabo o "maior crecemento" de oficinas fóra da súa rexión, "contrario á tendencia do sector".

As novas altas de clientes no primeiro semestre foron 65.000, o 65% delas de fóra da Galiza. Así mesmo, as novas formalizacións de crédito con empresas e familias creceron un 8,4% interanual, á vez que os recursos de clientes aumentaron, de maneira diversificada, un 9,3%.

Comentarios