A industria láctea presiona as pequenas granxas con deixar de recoller leite en agosto

As explotacións leiteiras de menor tamaño afrontan un verán difícil. Empresas do sector, ademais de anunciar rebaixas no prezo a partir da renovación de contratos en agosto, comunicaron a cancelación da recollida nalgunhas granxas por discrepar do seu modelo de traballo ou polas dificultades que teñen de acceso.  
grafico-web

No ecuador do verán as pequenas explotacións lácteas atópanse coa presión de ter que responder ás propostas dos contratos da industria, que se renovan este 1 de agosto, e aos anuncios de que se quedan sen ter a recollida do seu produto. Diante deste panorama, os sindicatos agrarios denuncian unha situación que se repite cada ano e que pode rematar coa desaparición dunha boa parte das granxas de leite de menor dimensión da Galiza.  

No caso da recollida, en cuestión de semanas, unhas mil explotacións non poderán sacar adiante a súa produción, segundo denunciou esta terza feira Unións Agrarias (UUAA) despois de comprobar que algunhas empresas anunciaron ás granxas de menores dimensións a súa intención de cancelar a recollida do leite a partir do 1 de agosto. A organización lembra que case 50% das explotacións de leite, arredor de 2.500, son familiares e producen menos de 200.000 quilos.

Din que son as "máis maltratadas" por ter prezos que chegan a ser até 6 céntimos menores que as que producen máis de 700.000 quilos. Segundo explica a Nós Diario o responsábel do sector lácteo da organización, Óscar Pose, as presións levan tempo producíndose. "Se non estás conforme din que busques outras alternativas cando en realidade nos as hai", relata. 

Desde esta organización din que as empresas usan "argumentos sen base xurídica" relacionados con dificultades de acceso ou do modelo de traballo para anunciar a cancelación da recollida desde agosto. "Son presións intolerábeis tras as que se agocha un intento de reconversión por parte das industrias para que na Galiza só existan explotacións grandes", aseguran. 

Caída do prezo

Segundo o Observatorio do sector lácteo da Galiza, entidade dependente da Xunta da Galiza, o último dato de prezo de leite recollido por parte das empresas, correspondente ao mes de maio, era de 40,50 euros/100 litros para as pequenas explotacións. Esta cifra é a máis baixa desde agosto de 2022, cando aínda non se coñece a de xuño que, desde os sindicatos agrarios, aseguran que é menor. 

Para o gandeiro e coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, as baixadas de prezos, sobre todo antes de que se inicien os novos contratos este mes de agosto, “son arbitrarias e sen ningún tipo de xustificación”. Pon como exemplo, en conversa con Nós Diario, a situación que se vive noutros países da Unión Europea “que teñen escaseza de leite e os prezos non baixan".

Como explicación, recorda que na actualidade hai produtos lácteos, como a manteiga que regula o mercado, que teñen prezos altos”. Na Galiza, as circunstancias agrávase aínda máis "coas dificultades de recollida que agora teñen as granxas en moitas comarcas, como por exemplo Terra de Montes ou Ordes".

Diante disto, a Fruga critica a "falta de resposta" da Xunta da Galiza e os continuos anuncios de control da cadea de alimentación, "que non se cumpren en absoluto". Neste sentido, Somoza desconfía do proceso de creación dun observatorio comunitario. "Xa veremos que acontece coa regulamentación que se está negociando na Unión Europea", afirma.

Pola súa parte, desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), o coordinador do sector, Xulio Fernández, sinala a Nós Diario que "as baixadas son xeneralizadas, con dinámicas en empresas como Lactalis e Leite Río de estar por baixo da barreira psicolóxica dos 4o céntimos por litro". Esta circunstancia facilítalles "rebaixas superiores" a partir dunha primeira "oferta trampa" que busca "que se renuncie ao contrato anual por outro de catro meses".

Con información de onte, asegura que, no caso de Lactalis e Larsa, as últimas ofertas manteñen prezos. Pola contra, as empresas lácteas "Leite Río e Celta baixan o seu prezo base deses 4o céntimos por litro".

Comentarios