Críticas da Fruga ao método de identificar bovinos que quere pór o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

A Federación Rural Galega (Fruga) considera que a posta en marcha do sistema de identificación mediante crotais electrónicos dos bovinos tería que ser voluntario.
Vacas pacen ao aire libre nos Ancares. (Foto: CDN).
photo_camera Vacas pacen ao aire libre nos Ancares. (Foto: CDN).

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) consideran que a posta en marcha do sistema de identificación mediante crotais electrónicos dos bovinos tería que ser voluntario.

A súa obrigatoriedade, segundo explican, foi prorrogada polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA) tras as mobilizacións dos sectores agropecuarios, mais está anunciado que se comece a aplicar a partir do 30 de xuño de 2025. 

A Fruga lembra que normativa europea non os fai obrigatorios e insiste en que o novo sistema de identificación “leva implícito un aumento dos custos que volverán recaer nas propias explotacións gandeiras galegas, sen obter ningún tipo de beneficio, algo do que xa advirte o Informe da Comisión ao Parlamento Europeo e o Consello sobre a súa viabilidade técnica e económica”.

Por este motivo, a Federación Rural Galega fai un chamamento “á conselleira do Medio Rural para que faga todas as xestións que estean ao seu alcance perante o Ministerio para conseguir que mude as súas intencións de facer obrigatorio este sistema de identificación”.

Ademais, a entidade reclama ao Ministerio español para que dea marcha atrás na medida "como fixo no caso de ter veterinaria ou veterinario de explotación".

Comentarios