MÁIS

Volta o rock a Combarro

O Festival Armadiña exhibe o talento galego
O público do Armadiña Rock goza nunha edición pasada do festival. (Foto: Armadiña Rock)
photo_camera O público do Armadiña Rock goza nunha edición pasada do festival. (Foto: Armadiña Rock)

Tras o descanso do ano pasado por mor de diversas dificultades, o Armadiña Rock enceta a súa XV edición esta fin de semana. Distintos artistas pasarán pola vila de Combarro, en Poio (comarca de Pontevedra), durante os tres días do festival. Na anterior edición, 2022, tiveron máis de 20.000 asistentes e agora esperan superar estas cifras. 

O Armadiña comezou en 2009 para celebrar o ascenso do SD Combarro a Segunda Autonómica. Tras a súa boa acollida, os organizadores crearon a Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña (ACDeM Armadiña) para continuar así con esta xuntanza musical e cultural. Con esta volta, a organización pretende volver a ser un referente entre os festivais da Galiza. Algúns dos seus valores son difundir a música en galego e as bandas emerxentes do país, ademais de conectar as diferentes xeracións por medio da música e o desfrute.

O festival desenvolverase en varios espazos de Combarro. Contará cunha zona de acampada, que ao igual que os concertos, será  de balde, equipada con aseos e duchas adaptados a persoas con mobilidade reducida. As actuacións principais decorrerán o sábado na praza da Chousa. Loita amada, Dios ke te crew ou A Quinkillada son algúns dos artistas deste día. Ao longo da fin de semana contémplanse na axenda diferentes ruadas, concertos e inclusive o Armadiña Kids cun espectáculo de maxia da man de Troula Animación. Grupos como Os Festicultores, Lisdexia, Vides Novas ou Lontreira amenizarán as actividades desta edición. 

Tampouco faltará a VII edición do Concurso de Decoración Labrega e Mariñeira, que sempre ten boa acollida entre a veciñanza de Combarro. 

Comentarios