A Deputación de Lugo programa 59 representacións de teatro profesional

Catorce compañías xirarán por 41 concellos, con montaxes para todos os públicos.

'Coa música a outra parte', de Trécola, será unha das obras do circuíto.
photo_camera 'Coa música a outra parte', de Trécola, será unha das obras do circuíto.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional promovido pola área de Cultura, que inclúe 59 representación de 14 compañías por toda a provincia.

Trécola Producións, Xamón Producións, Ítaca Teatro, Ubú Teatro, Pinconús, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Baixo da Area Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mocromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate e Loia Producións xirarán cunha vintena de representacións até decembro. As propostas escénicas están destinadas a distintos públicos: teatro de títeres para público novo, montaxes con gran peso do baile tradicional e da música en directo ou adaptacións teatrais de textos literarios como Poeta en Nova York, de Federico García Lorca.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que con este ciclo "a área provincial mantén o apoio á rede de compañías profesionais de Lugo, poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as comarcas".

Neste sentido, remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para ampliar as súas programacións culturais”.

O calendario, confeccionado coa colaboración de concellos e asociacións, que cofinancian as actuacións -achegan entre o 10 e o 30 por cento do importe, en función da poboación - inclúe representacións en A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castroverde, Cervo, Chantada, Cospeito, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Navia de Suarna, O Corgo, O Saviñao, O Valadouro, O Vicedo, Outeiro de Rei, Pantón, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Taboada, Vilalba, Viveiro, Xermade.

Este ano súmanse ao circuíto as compañías Satori Teatro e Loia Producións.

 

Comentarios