Unha exposición aborda os recursos técnicos do Laxeiro debuxante

A mostra propón un achegamento ao debuxo de Laxeiro a partir da coexistencia da liña limpa e o garabato.
'Sen título', ca. 1975
photo_camera 'Sen título', ca. 1975

A Fundación Laxeiro de Vigo inaugurou esta segunda feira, 22 de xullo, a exposición Liña e garabato. Recursos expresivos no debuxo de Laxeiro, un proxecto que, mediante unha escolma de obras sobre papel, pretende afondar nos recursos expresivos que o artista utilizaba para desenvolver o seu universo estético, narrativo e artístico. A mostra propón un achegamento ao debuxo de Laxeiro a partir da coexistencia da liña limpa e o garabato, dous recursos que conforman os dous extremos expresivos a partir dos que o pintor construíu un dos máis sólidos discursos estéticos da arte galega do século XX.

Laxeiro dicía que o debuxo era á pintura o que o pentagrama era á música, o que dá boa conta da relevancia que lle concedía como recurso organizador da composición nas súas obras, unha relevancia que se fai evidente na súa produción, por dúas razóns principais.

En primeiro lugar, o carácter narrativo que define a maioría da súa produción figurativa, precisa do debuxo para crear e definir o espazo pictórico e as personaxes que, ao longo da traxectoria do artista, foron construíndo ese mundo instalado entre a irracionalidade e o pensamento máxico da cultura popular galega.

En segundo lugar, en toda a súa produción, incluída a súa pintura de carácter expresionista e abstracta, existe un acusado sentido da composición que ten a súa orixe no seu profundo coñecemento do debuxo.

A exposición céntrase en dous extremos expresivos do debuxo, como son o trazo limpo, co que o autor constrúe imaxes sen volume, coas contornas perfectamente definidas; e o garabato, co que Laxeiro constrúe imaxes con volume, mediante a diferencia de densidade das liñas, que dan unha ilusión de luces e sombras. 

O recurso da liña limpa recolle esa tradición das vangardas, dos primeiros anos do século XX, de clara herdanza modernista e influída pola arte oriental, que viña a renovar o xeito de plasmar a realidade mediante a esquematización. Unha linguaxe moi adaptábel aos medios reprodución mecánica que pronto sería utilizada nas viñetas de prensa e que cultivaron artistas como Jean Cocteau, Picasso ou Picabia e, na Galiza, Castelao, Seoane ou Maside.

O recurso do garabato remite directamente ao debuxo automático dos surrealistas e tamén á achega do expresionismo, con claras reminiscencias á pulsión subconsciente do artista e que, ademais dos seus iniciadores como André Breton ou André Masson, podemos identificar a súa influencia na pintura de forma moi evidente, por exemplo, na obra de Jackson Pollock.

Comentarios