Que seis nomes medievais continúan a empregarse hoxe na Galiza?

Hai quen pensa que os nomes van por modas, mais non é así. Malia a introdución de novas formas para designar as persoas unha parte importante delas mantéñense sen mudanzas desde a Idade Media.

Tumba da raíña Xoana de Castro no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela. (Foto: Catedral de Santiago de Compostela)
photo_camera Tumba da raíña Xoana de Castro no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela. (Foto: Catedral de Santiago de Compostela)

Afonso é un nome de orixe xermánica, que remite á forza e a valentía. Se cadra por iso foi adxudicado a 10 reis galegos entre o século VIII e o século XIV, destacando entre estes o grande Afonso VII, coñecido como o Emperador e o seu neto, Afonso VIII, designado interesadamente pola historiografía españolista como Afonso IX, para ofrecer unha imaxe uniforme do espazo cristián peninsular.

Aldara apunta, tamén, a unha orixe xermánica, cuxas raíces se refiren a tempo e loita. Actualmente varios centos de mulleres levan ese nome, como no século XI, Aldara Eiriz, tamén coñecida como Aldara de Celanova, declarada santa pola igrexa. Esta Aldara foi a nai de San Rosendo, cuñada do rei galego Ordoño II e tía dos monarcas Afonso IV e Ramiro II. A escritora Teresa Moure deulle o título de Unha primavera para Aldara a unha obra de teatro.

4.831 mulleres galegas están inscritas no rexistro civil como Inés. O nome é de raíz grega, mais está presente no latín desde o século III, asociado á pureza e á casta. Unha Inés destacada é a raíña portuguesa do século XIV, Inés de Castro, nada nas Terras de Lemos e irmá do gran líder da revolución galega do século XIV Fernán Ruiz de Castro. Outras Inés, neste caso do século XV, foron sor Inés de Quiroga, sor Inés Fernández, sor Inés Rodríguez da Silva, sor Inés de Guitián e sor Inés de Sanabria, que se enfrontaron as políticas centralizadoras dos Reis Católicos.

Pedro, feminino de Petra, vén de rocha ou forte. Unha auténtica rocha en defensa do Reino da Galiza foi no século XII Pedro Froilaz, o conde de Traba. Levaron o nome de Pedro escritores do século XIII como Pedro Meogo ou Pedro da Ponte. Tamén foron Pedro, Pedro Álvarez Osorio, o conde de Lemos, Pedro Álvarez de Soutomaior, ‘Pedro Madruga’ e Pedro Pardo de Cela, os tres a unha liderando a revolución galega contra Castela do século XV. Actualmente, milleiros de residentes na Galiza son Pedro.

Roi, forma curta de Rodrigo, leva na Galiza máis de 13 séculos. Foron Roi, escritores como Roi Eanes, Roi Queimado ou Roi Fernandes no século XIII. Historiadores como Roi Vázquez, o crego de Mazaricos que asinou a versión galega da Crónica de Santa María de Iria en 1467. E rebeldes, como Roi Xordo, o fidalgo coruñés que liderou en 1431 as protestas contra Nuno Freire de Andrade “O Mao”, que remataron  por estenderse a todo o norte galego. Hoxe son moitos os Roi na Galiza após a restauración do nome nas últimas décadas.

Xoana

Xoana é un dos nomes máis estendidos na Galiza, considerando a Real Academia Galega que “posibelmente  sexa este, con María, un dous nomes con máis vitalidade nos últimos 2.000 anos”. Xoana de Castro foi una raíña galega do século XIV, irmá da monarca portuguesa Inés de Castro, cuxos restos mortais están soterrados no Panteón Real da Catedral de Compostela. Outra, Xoana, nesta caso de Trastámara, foi a raíña que quixeron ter os galegos no século XV e non puideron malia loitar por ela.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios