A AN-PG volve ao Día da Patria Galega neste 2024

 A Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) disolveuse en 1982 para fundar o BNG, articulado sobre as bases ideolóxicas daquela organización. 42 anos máis tarde a vella formación asemblearia retorna ao Día da Patria Galega.

1982.7.25 BNG Día da Patria Galega de 1982 5
photo_camera Manifestación do Día da Patria Galega de 1982 polas rúas de Compostela (Foto: Nós Diario).

A Galería das letras e das ideas do Festigal acolle ás 19:40 horas do 25 de xullo a presentación dun número do Terra e Tempo, publicación editada pola fundación do mesmo nome, sobre a historia da  AN-PG, contada por algúns dos protagonistas daquel capítulo do nacionalismo galego.

A presentación do volume vai correr a cargo de dúas persoas directamente ligadas con aquele proxecto político. Unha delas é Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo e persoa decisiva no capítulo contemporáneo do nacionalismo. A outra é o escritor Lois Diéguez, voceiro nacional da AN-PG entre 1977 e 1982.

Francisco Rodríguez, que viviu en primeira liña os traballos de deseño, creación e lanzamento da AN-PG durante o franquismo, sinala no seu traballo para a publicación que “sempre tivemos claro que o futuro da Galiza, a súa descolonización, pasaba por articular unha alternativa frontista, de unidade orgánica, en base a uns mínimos, de todos os sectores sociais que acreditaren Galiza ser unha nación e que defenderen o seu autogoberno, o seu dereito e autodeterminación e a súa soberanía”.

“Unha plataforma para espallar a alternativa nacionalista”

O histórico dirixente nacionalista apunta que a AN-PG “era ante todo unha plataforma organizativa social para espallar a alternativa nacionalista e defender o país das agresións que sufría”. Neste liña, explica que “tratábase de crear un amplo e autónomo movemento popular nacionalista e antiimperialista na Galiza “ e destaca que “foi un instrumento de mobilización e concienciación popular excelente”.

Lois Diéguez, máximo responsábel da organización durante practicamente toda a súa existencia, elixido en 1977 como voceiro da AN-PG en substitución de Bautista Álvarez, que actuaba como tal desde a súa fundación en 1975, significa que “desde 1976 non houbo problema sufrido polo pobo galego que non fose contestado pola AN-PG e sempre dando solucións e alternativas”.

“Unha organización de masas de carácter frontista”

O coñecido escritor, cuxa carreira literaria está próxima a cumprir 60 anos, entende que “a AN-PG representou unha organización de masas de carácter frontista que por primeira vez na historia do nacionalismo rompeu na consciencia e na acción o carácter dependente da Galiza a respecto do Estado español de xeito significativo e case heroico”.

A publicación sobre a AN-PG promovida pola Fundación Terra e Tempo recolle traballos de outros dirixentes da formación que achegan unha perspectiva territorial e sectorial do seu labor, co obxectivo de ofrecer unha visión de conxunto desta organización.

Pilar Allegue, integrante da secretaría colexiada da AN-PG e concelleira do BN-PG en Pontevedra entre 1979 e 1983, ofrece unha perspectiva sobre as orientacións políticas da organización. Alfredo Suárez Canal, militante da AN-PG desde a fundación e posteriormente responsábel da súa estrutura de concelleiros, repasa  a significación da loita da formación e a súa acción institucional.

O traballo comarcal

O volume fai un percorrido polo labor desenvolvido pola AN-PG no ámbito territorial. Así, Xavier Alonso achégase á comarca de Vigo, Carlos Vales á comarca da Coruña e  Lois Calvelo á comarca de  Compostela . Ao tempo, Luciano Guimeráns repasa a actuación da zona de Pontevedra, formada polas comarcas da Estrada e Deza, Morrazo, Pontevedra e Salnés, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro da zona de Lugo e Lila Rodríguez da Emigración.

A AN-PG impulsou un importante traballo sectorial, articulado a través a da Fronte Cultura e da comisión da mulleres. O responsábel da primeira, Xosé Lois Vázquez, analiza a actuación cultural da formación. Pola súa banda, a responsábel da segunda, María do Carme García-Negro explica a actuación feminista da organización.  

       

Comentarios