A Plataforma da Pesca seguirá "a guerra" contra a eólica mariña

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños  anunciou onte en Burela (A Mariña) que recorrerá ante o Tribunal Constitucional (TC) a resolución do Supremo que avala os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) do Goberno español para a implantación de enerxía eólica mariña. Consideran que a sentenza é "un atentado en toda regra contra o sector pesqueiro galego".
Torcuato Teixeira (á dereita, en primeiro termo) e asistentes onte á reunión en Burela, A Mariña (Foto: Europa Press).
photo_camera Torcuato Teixeira (á dereita, en primeiro termo) e asistentes onte á reunión en Burela, A Mariña (Foto: Europa Press).

Tras a resolución do Tribunal Supremo da semana pasada que avala o Real Decreto que aprobara os Plans de ordenación do espazo marítimo, esta segunda feira a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños anunciou que presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional e continuarán as mobilizacións, a partir de setembro nos portos galegos. 

O asesor xurídico da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e portavoz do colectivo, o avogado Torcuato Teixeira, asegura a Nós Diario que “será unha guerra longa e a do Supremo só foi a primeira batalla”. Recoñece que non tiñan “moita fe” nas instancias superiores da Xustiza e agora decidiron “esgotar a vía xudicial cun recurso ante o Constitucional”. Porén, Teixeira avisa de que “se este tribunal non nos dá amparo, recorreremos ás instancias do Tribunal de Xustiza da Unión Europea”. 

Para o portavoz da plataforma, a decisión que tomen terá que ver con que "se aposte polos lobbies enerxéticos que queren facer un gran negocio coa eólica mariña a custa do que sexa, ou ben, con protexer os ricos ecosistemas mariños que temos na Galiza e a industria pesqueira que aínda conservamos".

Teixeira ten claro que Teresa Ribera, responsábel do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), "aposta polos lobbies enerxéticos e nós por seguir sobrevivindo como sector", polo que a plataforma "seguirá pedindo na mesa de traballo en Madrid que mentres non haxa información sobre o impacto destas industrias non se tome ningún tipo de decisión".

A importancia dos informes científicos

"A ciencia é quen ten que marcar o ritmo e non as enerxéticas", considera Torcuato Teixeira. Pola contra, entende que a Xustiza, polo de agora, "comprou totalmente o relato da Avogacía do Estado cando debía ter en conta os estudos socioeconómicos e ambientais pedidos pola plataforma tanto ao Instituto Español de Oceanografía como ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca. Non se tiveron en conta como proba", lamenta.

Para Teixeira é "unha lixeireza" que se deixen de lado e estean consideradas como "innecesarias" as opinións científicas. "Cando se trata de protexer o medio ambiente e un sector estratéxico como o da pesca non hai nada desproporcionado", asegura o portavoz da plataforma.

Alén da "batalla" xudicial que están librando estes meses, o colectivo acordou volver reunirse na última semana de agosto para acordar as medidas de presión que realizarán "a través dunha folla de ruta". Teixeira lembra que a última protesta foi no concello de Cangas (O Morrazo) e que a plataforma debe "seguir con esa dinámica para que a sociedade se implique e saiba as ameazas que supón a deriva a favor da eólica mariña e os seus lobbies que teñen en Madrid".  

Comentarios