Gadisa lidera en 2023 a distribución alimentaria na Galiza cunha facturación de 1.569 millóns e 8.558 persoas empregadas

A creación de 342 postos de traballo directos confirma a xeración de riqueza socioeconómica a través de emprego de calidade e a atracción de talento, sendo a empresa do seu sector que máis emprego xera Galiza.

Vehículos de Gadisa Retail (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículos de Gadisa Retail (Foto: Nós Diario).

Gadisa Retail, empresa 100% galega e líder do seu sector na Galiza, facturou 1.569,15 millóns de euros en 2023, nun contexto aínda complexo no que seguiu absorbendo parte do aumento dos custos para non trasladalos completamente aos seus clientes. A compañía atribúe estes resultados positivos a seu modelo de negocio consolidado, que xera máis valor en toda a cadea, a unha maior eficiencia nas súas operacións e á confianza depositada polo seu máis dun millón de clientes.

A contribución de Gadisa Retail ás arcas públicas elevouse até os 155,06 millóns de euros, dos que 103,79 millóns corresponden a impostos e tributos e os 51,25 millóns restantes a cotizacións sociais. Tamén incrementou os seus fondos propios até os 628,78 millóns de euros, como garantía de solvencia operativa. Os investimentos, orientados a mellorar a experiencia de compra dos clientes, á transformación da súa rede de tendas e a medidas para reducir o impacto ambiental, situáronse nos 13,79 millóns.

Compromiso coa economía, as persoas e o planeta

Gadisa Retail segue afianzada como a empresa do seu sector que máis emprego xera e mantén na comunidade galega. O compromiso coa economía, as persoas e o planeta definen a folla de ruta da compañía no desenvolvemento da súa actividade empresarial. En 2023 incorporou a 342 novos profesionais ao seu equipo humano, con 8.558 traballadores na Galiza e Castela e León ao feche de ano. A esta cifra habería que engadir os máis de 1.000 empregos das súas franquías.

O propio modelo de negocio, que favorece a atención directa e personalizada nas seccións de produto fresco exixe unha maior profesionalización e impulsa o emprego cualificado, a maior parte de postos de traballo xeráronse nas áreas de produto fresco atendidas.

Desenvolvemento do territorio

Contribuír ao desenvolvemento do territorio e á construción dun tecido socioeconómico produtivo innovador e competitivo é un dos propósitos da compañía, que elevou a 570 millóns de euros as súas compras a máis de 2.500 provedores locais da Galiza e Castela e León, dos cales 1.017 son de produtos de alimentación. As relacións de confianza, caracterizadas pola estabilidade no tempo, con estes produtores de proximidade, moitos emprendedores, pemes e empresas familiares, favorecen o seu crecemento e expansión, xerando un ecosistema ao seu arredor que xera valor e afianza poboación en diferentes contornas urbanas e rurais. Ademais, o 98% das compras realizáronse a provedores do Estado español.

479 puntos de venda: proximidade e ser a mellor opción de compra

A compañía fechou 2023 con 479 puntos de venda. Son Supermercados Gadis, Gadis Hiper, Cash Ifa e Casa Claudio situados na Galiza e Castela e León, así como os estabelecementos franquiados Claudio e Claudio Express, que están presentes, ademais, en Madrid e Asturias. A superficie total dos puntos de venda alcanzou os 409.477 m2, dos que 351.667 m2 corresponden a supermercados propios. Unha parte dos investimentos destináronse, precisamente, á reforma e modernización de puntos de venda.

A accesibilidade e a sustentabilidade ambiental son dous dos criterios que se tiveron en conta para a transformación da rede de tendas propias nos últimos anos, que permitiu incrementar até o 92,38% o total de puntos de venda completamente accesíbeis.

A atención personalizada, a ampla e variada oferta e os prezos competitivos definen o modelo de negocio de Gadis, que ofrece a mellor opción de compra, priorizando os produtos frescos e os provedores locais, apoiando ás marcas de fabricante.

Gadis busca constantemente trasladar aforro ás familias en produtos de alimentación, drogaría e hixiene en oferta, mediante as Oportunigadis diarias, os folletos e os cupóns descontos na APP Gadis +.

Responsabilidade Social Corporativa

O desempeño da actividade empresarial de Gadisa Retail vai aparellada ao desenvolvemento do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, con máis de 2.300 colaboracións e patrocinios á sociedade en 2023, o que supón un aumento de máis do 21% con respecto ao ano anterior. Este plan vira arredor das persoas, a estratexia ambiental, comercio e desenvolvemento local, apoio á cultura, solidariedade, promoción de hábitos de vida saudábeis e deporte. Estas tres últimas áreas concentran a maior parte de iniciativas. Cómpre sinalar, un ano máis, o programa educativo Alimentes, que fomenta unha dieta equilibrada, unha vida activa e o consumo responsable desde a infancia, cun aumento moi notábel da participación: máis de 28.000 escolares de 442 centros educativos da Galiza e Castela e León. Outro dos obxectivos deste plan é o apoio ás familias, tanto ás que dan a benvida a un novo membro, a través do programa Bebé Gadis, que beneficiou a máis de 6.500 fogares en 2023, como ás familias numerosas das dúas comunidades nas que está implantada.

Xestión das persoas

Co foco posto nas persoas, a política de recursos humanos desprégase sobre o convencemento de que atraer talento e crear emprego de calidade e estábel contribúe a vertebrar un tecido socioeconómico forte, e a mellorar a cohesión social impactando de forma positiva na contorna máis próxima.

O desenvolvemento persoal e profesional do seu equipo humano é prioritario para Gadisa Retail, que promocionou internamente a 520 traballadores, así como investiu numerosos recursos en formación, con 15.004 horas destinadas a este fin en 2023. Conciliar a vida persoal, familiar e laboral é outro dos vértices da xestión das persoas, con 431 profesionais que dispoñen de horario adaptado ás súas necesidades. A empresa fomenta, ademais, a integración laboral de diferentes colectivos, incorporando aos puntos de venda a numerosos alumnos de formación ocupacional.

Estratexia ambiental

O obxectivo de Gadisa Retail é promover un modelo de negocio sostíbel de forma transversal tanto a nivel económico, como social e ambiental. En liña con estes principios, a estratexia susténtase sobre catro piares: a xestión responsábel dos recursos e residuos en toda a cadea de valor, a loxística inversa, avanzada e eficiente, o apoio aos provedores locais, que permite reducir as rutas de cargas, e a eficiencia enerxética.

A compañía conseguiu dar unha nova utilidade a perto de 10.000 toneladas de diferentes materiais: cartón, plástico e madeira; e realizou 4,8 millóns de movementos de caixas reutilizábeis para evitar o uso doutros recursos na súa sede central. Estas actuacións están avaladas polo selo ‘De Residuos A Recursos: Zero A Vertedero’ de Saica Natur, que renovou por segundo ano consecutivo. Como parte dun proxecto de economía circular, parte do cartón reciclado transformouse en caixas que chegan aos fogares dos clientes cos seus pedidos dos Supermercados Gadis.

Referente do sector en sustentabilidade económica, social e ambiental

A aposta de Gadisa Retail por xerar impacto positivo a través da sustentabilidade económica, social e ambiental favoreceu que figure dentro das empresas do sector máis responsábeis en termos de ESG. Así o ratificou o último informe Merco Responsabilidade ESG España 2023, que inclúe ás compañías que operan no Estado español mellor valoradas medindo o recoñecemento ambiental, o comportamento cos traballadores, os clientes e a sociedade, así como a nivel ético e de goberno corporativo.

Comentarios