París 2024 | Ximnasia Artística

CRÓNICA | A redención de Simone Biles: volveu a raíña da ximnasia artística, volveu o seu sorriso

A ximmasta estadounidense volveu demostrar no Bercy Arena de París por que é a mellor neste deporte cunha excelente actuación acompañada a cada paso que deu dunha sonora ovación de todo o público.
A ximnasta estadounidense Simone Biles, este domingo, no Bercy Arena de París. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)
photo_camera A ximnasta estadounidense Simone Biles, este domingo, no Bercy Arena de París. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)

Como a Ave Fénix, Simone Biles rexurdiu das súas cinzas. O seu nome pasará sen dúbida aos anais da historia, e non é para menos. Con 16 anos conseguiu os seus dous primeiros títulos de campioa mundial, e con 19 subiu ao máis alto do podio olímpico de Rio 2016, onde demostrou o seu claro dominio neste deporte conquistando catro ouros —individual, equipos, salto de poldro e chan— e un bronce —barra de equilibrio—.

En Toquio puido reeditar os seus éxitos, pero quedou cunha prata e un bronce e abandonou na metade da competición para dar unha lección ao mundo de que as deportistas de elite son tamén persoas, como todas e todos nós, e tamén poden sufrir bloqueos —os chamados twisties— cando as cousas non van ben e corpo e mente se desconectan.

Máis tarde coñecemos a crúa e dramática realidade: Biles e outras atletas denunciaran en 2018 abusos sexuais por parte do ex médico do equipo estadounidense de ximnasia, Larry Nassar, e a resposta que obtiveron das autoridades foi "o silencio", motivo polo que acabaron por denunciar tamén o propio FBI.

Pero Simone Biles está de volta, máis forte que nunca e disposta a tocar o ceo de novo, e así o demostrou este domingo no Bercy Arena de París durante as roldas clasificatorias de ximnasia artística. A raíña deste deporte non defraudou o público, que se veu abaixo cada vez que anunciaron o seu nome pola megafonía, e ofreceu un auténtico recital ante o mundo enteiro.

Simone Biles marabillou o público do Bercy Arena de París. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)
Simone Biles marabillou o público do Bercy Arena de París. (Foto: Marijan Murat / DPA vía Europa Press)

Ataviada cun maillot negro e prateado, saltou á pista cunha sonora ovación que se repetiu cada vez que o seu rostro apareceu nas grandes pantallas deste pavillón. Na barra de equilibrio despediuse de Toquio, e á barra regresou en París cunha puntuación de 14.733 só superada posteriormente na súa serie pola chinesa Yaqin Zhou (14.866).

Nin sequera unhas molestias no pé esquerdo que a apartaron uns minutos da pista puideron con ela. Biles foi tamén a mellor no poldro cunha puntuación (15.300) moi superior á de todas as súas rivais e á que só se conseguiron achegar as súas compañeiras do equipo estadounidense, e outro tanto do mesmo aconteceu cos exercicios de chan (14.600). Nas barras asimétricas foi oitava, mais nunca se pode desconfiar da ximnasta.

E, finalmente, as súas elevadas puntuacións situárona no lugar que lle corresponde: á cabeza da clasificación individual (59.566), con máis de tres puntos de vantaxe sobre a súa compañeira Sunisa Lee. E o equipo estadounidense, como cabe esperar en cada cita olímpica na que estea capitaneado por Simone Biles, foi tamén o mellor (172.296), case seis puntos por riba de Italia.

A próxima terza feira, 30 de xullo, Biles loitará neste mesmo escenario —a partir das 18.15 horas— por recuperar a coroa que debe levar o seu nome como a mellor, con creces, nun deporte que hoxe está de celebración porque a súa raíña recuperou o sorriso. Contará de novo coa calor dun público —de todas as nacionalidades e entre o que se atopaba o seu compatriota o rapeiro Snoop Dogg— completamente entregado a ela.

Comentarios