París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Medalla para Fran Garrigós e os outros fitos a destacar no primeiro día dos Xogos

Estrea inmellorábel para o deporte galego en París 2024 nunha xornada, seguindo a estela da cerimonia de inauguración, pasada por auga.
Fran Garrigós (azul) no combate ante o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili que lle valeu o bronce. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Fran Garrigós (azul) no combate ante o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili que lle valeu o bronce. (Foto: AFP7 vía Europa Press)

Após unha novidosa cerimonia de apertura pasada por auga —que a piques estivo de custarnos unha pulmonía—, chegou a primeira xornada dos Xogos Olímpicos de París 2024, de novo, coa choiva como protagonista desde primeira hora da mañá. E co inicio formal da competición chegaron tamén as primeiras medallas.

As rúas do corazón de París continúan blindadas e este sábado os controis e restricións estendéronse a outros puntos da cidade máis afastados das sedes, pois foi a quenda das carreiras contra o reloxo feminina e masculina de ciclismo —ambas sen representación galega—, coas que topamos camiño do centro. E ao longo de todo o percorrido había xunto ao valado unha nutrida presenza de espectadores e espectadoras que apluadían a chegada de cada unha das ciclistas. Na proba feminina resultou vencedora a australiana Grace Brown nunha carreira condicionada pola auga con máis dun minuto e medio de vantaxe, mentres na masculina o ouro foi para o belga Remco Evenepoel cun triunfo máis axustado —14 segundos—.

Pero antes diso, a primeira hora da mañá, a selección española masculina de balonmán, co porteiro cangués Rodrigo Corrales —bronce en Toquio 2020— en nómina, vencía Eslovenia por 25 a 22 na súa estrea nestes Xogos. E cando o reloxo marcaba as 10 horas principiaba no Champ de Mars Arena unha intensa xornada de judo que se prolongou até o remate da tarde con dous judokas con licenza galega —malia naceren en Madrid—, Laura Martínez (-48 kg) e Fran Garrigós (-60 kg). E o seu brillante desempeño sobre o tatami levounos até as roldas finais polos metais.

De forma paralela, varios quilómetros ao leste de París, o moañés Rodrigo Conde debutaba nas series clasificatorias do dobre scull de remo canda o seu compañeiro habitual, o catalán Aleix García. Terceiro mellor tempo —segundo na súa serie—... e pase certificado ás semifinais.

Despois do xantar dirixímonos ao Champ de Mars Arena para presenciar un dos eventos do día na capital francesa. De camiño alá topamos coa crúa 'cara B' dos Xogos, a da pobreza e os grandes contrastes entre uns e outros estratos da sociedade nunha das cidades máis poboadas do mundo. Tres persoas rebuscan no lixo a escasos metros do recinto deportivo no que se amorean as masas desexosas de vivir a festa olímpica do judo.

Unha vez dentro, o público francés fai valer a súa superioridade numérica apoiando os dous compatriotas que loitaban por subir ao podio, Luka Mikheidze e Shirine Boukli. E conseguírono. Como non facelo cando centos de persoas corean unha e outra vez o teu nome e entoan a viva voz A Marsellesa. Porén, malia que moitas das quinielas confiaban en dous ouros, finalmente foron unha prata para Mikheidze e un bronce para Boukli.

O enorme esforzo e sacrificio dos últimos tres anos decidíndose en menos de 24 horas de combates, un tras outro. Un mal movemento, un mal agarre... e alá van meses de adestramento agardando a chegada deste momento. A diferenza entre a gloria eterna do podio olímpico e agardar outros catro anos para lograr o obxectivo de calquera atleta. As dúas caras do deporte, como quen di.

Finalmente Martínez non puido colgar un metal do seu pescozo malia asinar unha excelente actuación superando rivais con mellor ránking ca ela, mais si conseguiu o premio Garrigós, que non se rendeu e acabou por se impor ao xeorxiano Guiorgui Sardalashvili no punto de ouro. Primeira medalla, de bronce, para o deporte galego en París.

Comentarios