EPA: 2.600 persoas máis no paro na Galiza que hai 12 meses

No segundo trimestre de 2023 había 119.000 persoas en desemprego e no actual, 117.200

Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O número de persoas no paro aumentou na Galiza en 2.600 en 12 meses. Este é un dos datos que recolle a Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao segundo trimestre e que esta sexta feira publicou o Instituto Nacional de Estatística (INE). No segundo trimestre de 2023 había 119.000 persoas en desemprego e no actual, 117.200

O aumento destas cifras, porén, deriva sobre todo do aumento de activos nestes meses, moi superior á de ocupados.

O mercado laboral sumou na Galiza 7.800 persoas ocupadas no segundo trimestre de 2024 a respecto do primeiro e chega a 1.135.600 de persoas traballando, e o número de desempregadas baixouentre o primeiro e segundo trimestre en 11.800 persoas.

Na comparación co Estado español, o emprego medra na Galiza en 0,70% fronte a 2,05%. Pola contra, o desemprego cae na Galiza en 8,90% e no Estado español en 7,47% respecto do trimestre anterior, converténdose na quinta comunidade onde menos emprego se crea. 

Mais un dos datos que máis preocupan aos sindicatos é o comportamento do emprego das mulleres. Segundo esta última EPA a taxa de ocupación das mulleres descendeu 0,2%. Mentres que a ocupación masculina aumenta en 8.100 empregos, a feminina perde un total de 200 postos de traballo.

A "precariedade laboral" 

En opinión do secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco González Sío, "rómpese a tendencia dos últimos meses pola cal o medre da poboación ocupada se producía pola incorporación de mulleres ao mercado laboral". Ademais, cualifica de "sorprendente" que no inicio do verán o sector servizos aumente 0,4% de ocupación e con poboación estranxeira, algo que evidencia "a precariedade laboral e os baixos salarios do sector". 

Para a CIG, a situación agrávase coa taxa de actividade "que é de 53,01% (na zona euro é 75,1%), un problema que levamos herdando desde a crise de 2009 até agora: a poboación menor de 40 anos descendeu en máis de 240.000 persoas pola emigración derivada da precariedade e os baixos salarios".

Sío pon como exemplo Estados similares en poboación a Galiza, como Croacia -con 4,7% de desemprego e 84.000 persoas paradas menos- onde meraron os salarios, algo que para este sindicalista demostra "a incapacidade da Xunta e do Goberno español para crear emprego de calidade e con dereitos". 

As "sombras e luces"

Para CCOO, o balance nestes tres meses é positivo “se non afondamos nos datos onde hai máis sombras que luces”. Así apuntan á ralentización da creación de emprego e que o emprego medra perto dun punto e medio punto menos na Galiza que no Estado.

A secretaria de Emprego deste sindicato, Maica Bouza, afirma que os datos sinalan “que expulsamos 4.000 persoas dun mercado laboral que temos envellecido e con menos mocidade”. Ademais, engade que unha parte dese abandono do emprego “está en mulleres que se van para a súa casa na franxa entre 25 e 54 anos”.

Para Bouza, esta situación acontece consecuencia das “resistencia, por temas como a conciliación, para que as mulleres se incorporen e permanezan no mercado de traballo”. 

O "pouco dinamismo"

Desde a UXT, o seu secretario de Organización, José Luis Fernández Celis, considera que a Galiza “segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico". Para o sindicato o emprego “aínda reflicte algúns problemas estruturais que requiren dunha solución canto antes”. O primeiro deles “é a cantidade de persoas que traballan a tempo parcial de maneira involuntaria, 42,9% segundo os datos”.

En segundo lugar, que o paro de longa duración segue sendo moi elevado, 40.400 persoas; e, por último, “mellorar na creación de emprego en sectores de alto valor engadido”.

Comentarios