Persoal das ITV mobilízase diante do Parlamento por un convenio "digno"

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UXT denunciaron onte ante o Parlamento galego que despois de 12 reunións aínda non conseguiron negociar o seu convenio.
Mobilización, onte, diante do Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización, onte, diante do Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

Persoal das ITV concentrouse esta terza feira diante do Parlamento galego en Santiago en demanda dun "convenio colectivo digno".

O persoal denuncia nun comunicado que despois de 12 reunións, "nada se ten avanzando" na negociación por culpa da "postura inmobilista" da empresa concesionaria do servizo, SyC Applus, que aseguran "apenas variou a proposta inicial". 

Durante a protesta, a representación social (CIG, CCOO, CSIF e UXT) rexistrou un escrito dirixido a todos os grupos parlamentarios solicitándolles unha reunión urxente de cara a evitar que se intensifique a conflitividade no sector, "posto que", sinalan, "as ITV son un servizo público dependente da Xunta da Galiza". 

Neste sentido, denuncian que o persoal do servizo "está cos soldos conxelados, cando as tarifas que teñen que pagar os usuarios e usuarias se incrementan ano a ano". Ademais, lembran que os beneficios da empresa, só na Galiza, "ascenden aos 22 millóns de euros", nunha compañía que ten concesións "noutras autonomías".

Comentarios