París 2024 | Ximnasia Artística

Primeiro ouro para Simone Biles, que brilla na final por equipos e dá o título aos EUA

A raíña da ximnasia artística demostra na súa primeira final en París que aspira a seguir facendo historia.
Simone Biles foi chave na vitoria dos EUA na final por equipos de ximnasia artística. (Foto: Jan Woitas / DPA vía Europa Press)
photo_camera Simone Biles foi chave na vitoria dos EUA na final por equipos de ximnasia artística. (Foto: Jan Woitas / DPA vía Europa Press)

A maxistral lección de ximnasia artística que deu Simone Biles na rolda clasificatoria do pasado domingo xa facía presaxiar o que podía acontecer na final por equipos desta terza feira: que a actual raíña deste deporte viña a París a recuperar o trono que lle corresponde e seguir escribindo o seu nome con letras de ouro nos libros de historia. A súa soberbia actuación desta tarde deulle o primeiro ouro nestes Xogos tanto ao equipo dos EUA de ximnasia artística como a ela mesma, que promete darnos máis tardes de gloria na capital francesa.

Pero Biles, se ben era o grande atractivo da xornada e a clara favorita do público do Bercy Arena, non gañou ese ouro soa, nin moito menos: estivo —moi ben— acompañada por Jordan Chiles que igual ca ela fixo os catro aparatos; Sunisa Lee, gañadora do completo individual en Toquio e a outra gran protagonista do equipo estadounidense, que fixo todo menos o salto do poldro, e Jade Carey, que ocupou esa vacante.

Grazas especialmente ás elevadas puntuacións de Biles e Lee, os EUA obtiveron un total de 171,296 puntos, case seis máis que Italia (165,494), que levou a prata, e sete por riba do Brasil (164,497), para quen foi o bronce por unha diferenza de apenas 0,23 sobre Gran Bretaña na clasificación xeral.

Biles suma, con este novo ouro, un total de 38 medallas entre mundiais —23 ouros, catro pratas e tres bronces— e Xogos Olímpicos —cinco, unha e dous, respectivamente—. Un palmarés estratosférico que a sitúa como a mellor ximnasta na historia, se contamos todos os metais, ou a segunda no caso das citas olímpicas, só superada pola soviética Larisa Latýnina, con nada menos que nove ouros, cinco pratas e catro bronces gañados entre Melbourne 1956 e Toquio 1964.

Comentarios