París 2024 | Natación

Dous récords olímpicos para rematar o día: Kaylee McKeown e Daniel Wiffen entran na historia da natación

A australiana e o irlandés venceron nas súas respectivas probas con marcas estratosféricas.
Kaylee McKeown é a nova plusmarquista olímpica nos 100m costas. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
photo_camera Kaylee McKeown é a nova plusmarquista olímpica nos 100m costas. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)

A cuarta xornada dos Xogos Olímpicos está a piques de botar o pano e faino da mellor maneira posíbel: con dous novos récords olímpicos, consecutivos, na piscina de La Défense Arena. O primeiro deles chegou, ao fío das 21 horas, da man da nadadora australiana Kaylee McKeown, que sorprendeu na final feminina dos 100 metros costas vencendo a estadounidense Regan Smith, que desde o pasado mes ostenta o récord mundial nesta disciplina... e anotando ademais a mellor marca na historia dos Xogos.

McKeown parou o cronómetro en 57:33, cunha marxe de apenas 33 centésimas sobre Smith e a outras 20 centésimas de bater tamén esa plusmarca mundial. O bronce foi para a tamén estadounidense Katharine Berkoff (57:98).

E só sete minutos despois, na seguinte carreira programada no calendario olímpico de natación, o irlandés Daniel Wiffen entraba na historia dos Xogos Olímpicos gañando nos 800 metros libres co novo récord desta competición: 7:38.19, tres segundos máis rápido que o ucraíno Mykhailo Romanchuk, que ostentaba a plusmarca desde Toquio 2020.

Un rexistro, o de Romanchuk, que tamén pulverizaron a prata e o bronce desta proba en París: o estadounidense Bobby Finke, cun tempo de 7:38.75, e o italiano Gregorio Paltrinieri, con 7:39.38. Os tres nadadores regalaron ao público de París unha carreira das máis rápidas e axustadas de todos os tempos e que sen dúbida pasará aos libros de historia.

O récord do mundo nos 800 libres, porén, continúa desde 2009 en posesión do chinés Lin Zhang, que parou o crono na imbatíbel marca de 7:32.12.

Comentarios