París 2024 | Vela

Echegoyen e Barceló apuran as súas opcións de meterse na regata polas medallas

A embarcación da galega sobe até o décimo cuarto posto na clasificación xeral, mantendo vivas as súas opcións de meterse na loita polos metais.
Támara Echegoyen e Paula Barceló, nunha das regatas desta segunda feira en Marsella. (Foto: RFEV)
photo_camera Támara Echegoyen e Paula Barceló, nunha das regatas desta segunda feira en Marsella. (Foto: RFEV)

Boa xornada para a regatista ourensá Támara Echegoyen e a balear Paula Barceló en Marsella na terceira e penúltima xornada antes dunha 'Medal Race' da que aínda seguen afastadas, pero con opcións de se coaren entre as dez mellores para poder disputala nas tres regatas que porán fin a esta rolda clasificatoria.

Os Xogos non comezaron ben para Echegoyen e Barceló, que ao termo das seis primeiras regatas marchaban décimo sétimas na táboa xeral —só dez pasan á fase final cos metais en disputa—, e nesta delicada situación chegaban á xornada desta terza feira, na que, agora si, experimentaron unha notábel melloría.

Galega e balear foron de menos a máis: décimo terceiras na primeira regata do día, sétimas na segunda... e quintas na terceira e última, cruzando a meta a só 34 segundos das gañadoras, Jo Aleh e Molly Meech, de Nova Zelandia. Con estes resultados, a embarcación de Echegoyen sobe até o décimo cuarto posto, a 13 puntos de entrar na 'Medal Race'. Con opcións case remotas, pero aínda vivas nesta loita.

Comentarios