París 2024 | Remo

Opcións de medalla para Galiza: o moañés Rodrigo Conde, á final do dobre scull

Conde e García foron segundos na súa manga, só por detrás de Países Baixos.
Rodrigo Conde (en primeiro plano) e Aleix García, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Rodrigo Conde (en primeiro plano) e Aleix García, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)

Rodrigo Conde, unha das principais bazas da Galiza para encher o seu medalleiro particular, non defraudou esta terza feira no estadio náutico de Vaires-sur-Marne e demostrou que veu a París, nos que son os seus primeiros Xogos Olímpicos após renunciar aos de Toquio —e á categoría de que competía, o dobre scull lixeiro— por motivos de saúde, a pelexar até o derradeiro alento por subir ao máis alto do podio. A parella que conforma o remeiro moañés co catalán Aleix García chegaba ás semifinais do dobre scull co terceiro mellor tempo de todas as series, só por detrás de Irlanda e Países Baixos, o gran rival a bater. E hoxe fixeron os deberes com sobresaínte para meterse na final como segundos na súa manga, só por detrás dos neerlandeses.

Conde e García son claros favoritos a obter un metal na final, e así o deixaron patente na regata desta terza feira. O dúo partiu moi forte desde o inicio, facendo unha moi boa saída que o situou en segunda posición por detrás da embarcación serbia, coa que mantiveron unha intensa loita até que os neerlandeses, que comezaron máis rezagados, acabaron por se impor ao cruzaren o segmento dos 1.500, o último antes de chegar á meta.

Empezaron fortes e remataron máis fortes aínda, non cedendo nos metros finais ante unha Romanía e unha Serbia que pisaban o acelerador no derradeiro treito. Sprint final e segundo posto —moi merecido— asegurado para o galego e o catalán, os máis regulares da súa semifinal.

Ese último e decisivo esforzo para manter o tipo deixou extenuado a Conde, nunha xornada de ceos completamente despexados na que os 30 graos que marca o termómetro na capital de Francia non facilitou precisamente o labor dos remeiros. Desde a Moaña natal de Conde seguiron, e celebraron o seu pase á final un nutrido grupo de persoas.

Comentarios