París 2024 | Tríatlon

A mala calidade da auga do río Sena obriga a aprazar o tríatlon masculino

Está previsto que a proba decorra finalmente, se as análises o permiten, esta cuarta feira após a competición feminina.
IMG_20240730_075050
photo_camera A turbidez do Sena polas últimas choivas levaba días ameazando o tríatlon. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)

O que era un segredo a voces nas últimas horas terminou por confirmarse: o tríatlon masculino terá que ser adiado pola mala calidade da auga do río Sena. A organización mantivo a incógnita até o momento final —a carreira debía comezar ás 8 horas desta terza feira—, e as análises bacteriolóxicas practicadas esta mesma madrugada, contra as 3.30 horas, levaron finalmente a Federación Internacional de Tríatlon, o Comité Olímpico Internacional, Météo France, o Concello de París e a Prefectura de Île-de-France a posporen a proba para garantir a seguridade dos atletas.

Hai, con todo, bastante optimismo con que poida celebrarse a proba feminina de tríatlon como estaba prevista, esta cuarta feira á mesma hora —sempre e cando o permitan as análises de calidade da auga—. E inmediatamente despois, ás 10.45 horas, daría comezo a masculina. Unha hora á que a temperatura ascendería en París até os 27 graos, segundo as últimas previsións de Méteo France, que estima tamén tormenta e chuvascada para esta noite, polo que a auga do Sena podería estragarse de novo.

Os altos niveis de bacterias E.coli e Enterococcus obrigaron a suspender os adestramentos de tríatlon deste domingo... e tamén os que estaban previstos para a mañá desta segunda feira. E, de feito, a pasada sexta feira soubemos que as análises bacteriolóxicas tamén desaconsellaban o baño o día no que a alcaldesa parisina, Anne Hidalgo, intentou trasladar unha falsa imaxe de tranquilidade.

E no caso de que a situación non mellore esta cuarta feira, a organización baralla dous escenarios posíbeis: adiar de novo as probas —tanto a masculina como a feminina— ou cortar unha das patas ao tríatlon e convertelo nun dúatlon con só ciclismo e carreira a pé, suprimindo a natación.

Antonio Serrat, optimista: "Aspiro ao máximo"

No tríatlon masculino, cando quer que finalmente comece, competirá o vigués Antonio Serrat, quen esta segunda feira aseguraba aspirar "ao máximo", sempre con "respecto", consciente de que é unha proba "do máis alto nivel", pero "sen medo de loitar por estar nos postos de cabeza". E malia non poder entrar en contacto co Sena estes días, dixo: "Teño a tranquilidade de saber que traballei ben nos últimos meses para chegar no mellor momento de forma. A preparación vén de moito tempo atrás".

Comentarios