O Festival C de Compostela enche de espectáculos as rúas da cidade

Danza, poesía, cinema, música, monicreques, contos, circo e performances nunha trintena de propostas de balde que se espallan pola cidade.
Miriam Louzau e Xaquín López na presentación desta segunda feira, 29 de xullo, en Compostela.
photo_camera Miriam Louzau e Xaquín López na presentación desta segunda feira, 29 de xullo, en Compostela.

A concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao, e o director-xerente do Auditorio da Galiza, Xaquín López, presentaron en rolda de prensa, esta segunda feira, 29 de xullo, o programa cultural do mes de agosto en Compostela. A quinta edición do Festival C leva ás prazas, parques e rúas da cidade un regueiro de propostas de balde e para todos os públicos.

O circo será unha das artes protagonistas da programación. Entre o 5 ao 28 de agosto, Circonove impartirá oito obradoiros circenses para a rapazada de entre 6 anos e 12 anos de idade e outros dous para nenas e nenos de 3 a 5 anos. Ademais, a programación propón tres espectáculos para as tardes da quintas feiras na praza da Quintana. Proyecto Kavauri representa o día 8 Lullaby, unha proposta na que o dúo de acróbatas protagonistas se ve na obriga de conciliar saltos mortais e piruetas co reto de ser nai e pai por primeira vez. O día 22 chegará a quenda da compañía Colokolo e o seu espectáculo Chouf le ciel, co que amosarán en Compostela os números de báscula, acrobacias e saltos que os converteron na primeira compañía de circo de Marrocos. Finalmente, o día 29 ás 20 horas, a compañía Pistacatro fará súa a Quintana con Latexo, unha produción en clave de clown. 

Nas tardes das terzas feiras, o parque de Bonaval dará acubillo aos 'Contos no parque' do Programa Apego: A tropa de trapo e o seu Barquiño de pau, o día 6; Magín Blanco con Cadernos de cores e cancións, o 13; Inventi Teatro con As palabras perdidas, o día 20; e Títeres Alakrán co seu Circo Galaico, o 27 de agosto serán os protagonistas destas sesións. Ademais, os días 6 e 7, Os Monicreques de Kukas asentaranse no paseo da Ferradura da Alameda para ofrecer unha tarde en familia con Gernika e S.O.S. Emerxencia Ambiental.

A danza e as artes performativas tamén teñen un lugar destacado nos parques da cidade.  A compañía VacaBurra con Ruar, o Colectivo RPM e o artista Aleksandar Georgiev con Fantastic Futures (A Beginning), a compañía guipuscoana Ertza con Otempodiz, a compañía Jacob Gómez con Outdoor e La Guajira con Menguantes actuarán entre os días 5 e 26.

As propostas poéticas e performativas concéntranse nas cuartas: o día 14, ás 20 horas, Benxamín Otero e Melania Cruz presentan no paseo da Ferradura da Alameda Antoloxía dos lugares da luz, unha proposta lírica e musical a partir dos textos de Virginia Woolf, Lorca, Tanizaki, Celso Fernández Sanmartín e Dores Tembrás, entre outros. O día 21 ás 20 horas, Funboa Escénica leva ao cemiterio do parque de Bonaval Sinte, un proxecto creado, dirixido e interpretado por Cristina Balboa coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. O 28, tamén ás 20 horas, no paseo da Ferradura, chegará a quenda de Kennebec (Mónica de Nut e Iria Pinheiro) con Todos os días, unha performance musical que mestura música electrónica con textos poéticos.

As noites do Festival C vístense de cinema. O día 13, o parque de Bonaval acollerá a proxección de Buscando a Santa Compaña, un documental dirixido en 2024 por Fernando Cortizo. As sesións de cinema ao aire libre de NUMAX completan a axenda de proxeccións: na gran pantalla instalada na rúa que dá acceso á sala de cinema, o público de Compostela poderá redescubrir dous grandes clásicos: A muller pantera de Jacques Tourneur o 27 de agosto e Imitación á vida, de Douglas Sirk o 28. 

Máis en CULTURA
Comentarios