Músicas no Claustro transfórmase nunha Catedral Atlántica en Tui

A 18ª edición do festival Música no Claustro, que se desenvolverá en Tui do 1 ao 7 de agosto, presenta un programa de concertos que aposta polo diálogo intercultural e a hibridación de xéneros -desde a música de cámara até o jazz, pasando polo flamenco ou a música africana. Mais o festival tamén opera como motor de proxectos que vinculan música e patrimonio, e que se prolongan en traballos de investigación que nutren a creación contemporánea.
Institucións públicas e organización do festival: na primeira fila, de esquerda a dereita, Nava Castro, Enrique Cabaleiro, Elena Fabeiro e Ramón Pereiro.
photo_camera Institucións públicas e organización do festival: na primeira fila, de esquerda a dereita, Nava Castro, Enrique Cabaleiro, Elena Fabeiro e Ramón Pereiro.

Un claustro adoita ser un lugar de recollemento: un espazo fechado que, porén, reproduce todo un universo entre as súas galerías: xa por unha arquitectura que quere ser reflexo do cósmos, xa polas imaxes escultóricas que apelan ao mundo exterior -mesmo o de ultratumba-, xa polo xardín que acolle, réplica da natureza, idea de paraíso e alegoría das ideas dunha época.

E quizais por todas esas razóns pode ser o emprazamento perfecto para escoitar música, o elemento que, segundo teoloxías varias, procede dunhas esferas que son espello e consecuencia da harmonía universal. Pasando por alto a cuestión da harmonía universal, que os xornais tenden a desmentir a diario, os organizadores do festival Música no Claustro de Tui probabelmente tiveron en conta todas esas características para elaborar un programa que quere transcribir ao longo de sete días, do 1 ao 7 de agosto, un ecosistema cultural que nutre o universo creativo da Galiza, ou máis ben, segundo a propia definición dos responsábeis do encontro, dese espazo que cualificamos de Atlántico.

Precisamente baixo o lema Catedral Atlántica, a 18ª edición desta cita une propostas galegas como as de Faia ou Pedro Lamas coas de Laura Marchal (Andalucía), o quinteto de Tana Santana (Illas Canarias), o Trio da Kali (Mali), o Moser String Quartet (Suiza), ou a cantora Lula Pena (Portugal).

 E a portuguesa Lula Pena será, xustamente, a encargada de abrir o festival, o día 1 de agosto, cun concerto no que revisita o seu disco Archivo Pittoresco, un traballo no que explora diferentes linguas atlánticas como o inglés, o francés, o castelán e o portugués e no que conviven as tradicións sonoras do norte de África e da península ibérica.

Ao día seguinte Música no Claustro acolle o debut na Galiza da cantaora Laura Marchal, quen presenta no festival un adianto do seu primeiro traballo discográfico que, nun diálogo entre o flamenco e as míúsicas árabes e sefardís, rende unha homenaxe ás xentes do campo, a persoas que en diversos momentos emigraron á cidade en busca dunha oportunidade laboral. Reflexión e compromiso dun reto demográfico que tanto a Andalucía coma a Galiza coñecen de primeira man.

O terceiro día será a quenda doutro diálogo musical: o da galega Faia e a arpista bretoa Bleuenn Le Friec, nunha proposta pensada especificamente para o festival. A memoria de séculos de represión acumulados nos corpos, transfórmanse aquín en denuncia latente en cada letra e cantiga, en espazo necesario de músia e ruído, de acubillo e subversión.

O domingo outro diálogo toma forma no claustro: o Tana Santana Quintet xunta músicos de diversas procedencias -entre eles os galegos Xan Campos no piano e Virxilio da Silva na guitarra- para buscar -na mestura de músicas tan dispares como o jazz, o rock, o pop ou o folclore canario- unha redefinición do jazz desde o prisma da cultura popular contemporánea.

Nun salto cultural de certa entidade, a segunda feira, 5 de agosto, o Trio da Kali, procedente de Mali, trae a Tui unha tradición cultural que se remonta á era precolonial -cando Mali se situaba no mapa como un dos grandes imperios da época- harmonizándoa con elementos contemporáneos.

A Galiza de John B. Trend

O día 6, o concerto mostrará o resultado dunha investigación e residencia artística do compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas en Música no Claustro 24. Un proxecto creado para a ocasión que abraza as tres liñas principais do festival: música, patrimonio e creación. Ao carón de Lamas, participan neste concerto o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz, vello coñecido do festival. Lamas, Díaz e Romero Cienfuegos revisitan e reintepretan, desde a súa óptica actual e persoal, o artigo "The Music of Spanish Galicia" do hispanista británico John B. Trend, que, publicado en 1924 na revista Music & Letters da Universidade de Oxford, pasou inexplicabelmente deaprcibido na Galiza malia ser un documento valiosísimo, tanto polo seu contido coma por abrir a difusión da música galega a un público anglosaxón.

Finalmente, o festival rematará co Mosser String Quartet, unha agruación que, a pesar da mocidade das súas compoñentes, xa conta cunha proxección internacional moi notábel.

No seu concerto, o Moser String Quartet interpreta obras de Purcell, Mozart e Mendelssohn, ao que se une o Cuarteto modal da asturiana María Teresa Prieto (1895-1982), unha obra estudada en profundidade pola musicóloga Tania Perón Pérez na súa tese de doutoramento dedicada á compositora cuxo legado se conserva en México, país no que se refuxiou en 1936 tras o golpe de Estado.

Patrimonio e divulgación

Pero ademais da música en directo, Música no Claustro exerce de entidade investigadora e divulgadora dun patrimonio que en moitas ocasións permanece oculto. Algúns exemplos dese escondido labor son a recuperación do toque de campás tradicional; proxectos como o da concertista aragonesa Silvia Márquez Chulilla, que gozou dunha residencia no festival durante a cal levou a cabo unha investigación nos fondos musicais do arquivo da catedral de Tui e que rematou nun concerto, en 2023, no que executou algunhas das partituras que soaron no templo ao longo do tempo; ou a residencia artística para explorar o repertorio de cámara con óboe que levou a cabo a oboísta galega Iria Folgado -ao tempo que ingresaba como solista na Konzerthaus Orchester  de Berlin- e que desembocou na gravación dun disco impulsado polo propio festival,.

Este ano, grazas a un intercambio académico coa Universidade de Glasgow, acollerá a catedrática de musicoloxía Eva Moreda co obxectivo de iniciar unha investigación sobre o son e a música na experiencia galega dos viaxeiros británicos.

Ademais, o 5, 6 e 7 de agosto, o festival e o Concello de Tui organizan tres obradoiros de artesanía en familia -Estampaxe creativa, Construción de pandeiretas e Iniciación á pandeireta-, grazas ao programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade. 

 

Máis en CULTURA
Comentarios