Unha exposición en Pontevedra recolle a memoria dos cinemas

Recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine.
A exposición recupera a memoria sentimental de varias xeracións.
photo_camera A exposición recupera a memoria sentimental de varias xeracións.

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra pode verse a exposición Cines de Pontevedra que recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal e máis barata forma de ocio.

Os primeiros pases do cinematógrafo tiveron lugar en catro sesións da noite do 17 de abril de 1897 no Teatro do Liceo de Pontevedra. O aparato, patentado polos Lumière, presentouse acompañado dunha orquestra polos empresarios portugueses Marques e Azevedo, procedentes de Lisboa e do Porto. A partir do 29 de abril, os mesmos empresarios trasladaron as sesións ao Teatro-Circo Tamberlick, en Vigo, e, desde o 13 de maio, ao Teatro Principal, en Tui.

A exposición lembra que conseguir unha arquitectura específica para os cinemas, que os distinguise dos teatros e dos salóns de variedades, fíxose esperar até finais da década de 1910. O eclecticismo e o art nouveau combináronse para darlles aos cinematógrafos unha imaxe atractiva e sobresaínte. Co art déco e co racionalismo dos anos vinte e trinta chegaron novos recursos formais para consolidar a asociación entre cine e modernidade.

Nas décadas anteriores ao golpe de Estado  os bailes eran dos pasatempos favoritos, polo que moitas salas de cine servían como salóns de baile ao retirar as butacas e librar a platea. Superados os anos de fame e as privacións da posguerra, o cine converteuse na actividade de ocio máis barata e popular na época do franquismo, tal e como recolle a mostra.

Máis en CULTURA
Comentarios