O Museo do Pobo rendeu homenaxe a Crecente Vega

A Quenlla, Eladio Santos e MJ Pérez interpretaron respectivamente "O carballo de Luxís", "Cantar do Muíño" e "Paspallás", poemas que musicaron para as pezas audiovisuais que forman o proxecto impulsado pola Comisión Xosé Crecente Vega.
MJ Pérez durante a súa actuación.
photo_camera MJ Pérez durante a súa actuación.

O claustro do Museo do Pobo Galego encheuse onte de música e de versos con Musicando a Crecente Vega, un proxecto para enxalzar a obra do poeta chairego, achegar os versos da cotidianiedade e das paisaxes costumistas á modernidade e difundilos para que as novas xeracións coñezan tamén a  Crecente Vega, como apuntou María Coutinho Villanueva, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

A Quenlla, Eladio Santos e MJ Pérez interpretaron respectivamente "O carballo de Luxís", "Cantar do Muíño" e "Paspallás", poemas que musicaron para as pezas audiovisuais que forman o proxecto impulsado pola Comisión Xosé Crecente Vega. Un pasiño máis para conseguir, segundo o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, que a Crecente Vega chegue a dedicárselle nalgún momento o Día das Letras Galegas. 

Xosé Ramón Crecente Vega, nado en Outeiro (Castro de Rei) o 3 de xullo de 1896 e finado en Segovia o 21 de marzo de 1948, foi un escritor e sacerdote galego. Foi catedrático e Latín no Instituto de Antequera e nun centro de ensino secundario de Segovia, do que foi nomeado director, cargo que desempeñou até a súa morte en 1948.

É autor dun único libro, Codeseira, publicado en 1933, onde o tratamento da paisaxe ofrece resonancias clásicas. Seguiu a liña iniciada por Noriega Varela, de carácter ruralista que o enlazan co século XIX, se ben inclúe tamén elementos vangardistas como o hilozoísmo.

En 1997 a Fundación Caixa Galicia publicou José Crecente Vega, a poesía de Codeseira, unha edición crítica e estudo feitos por Ricardo Polín e Luz María Durán, traballo gañador do XI Premio Literario Ánxel Fole. En 2003, o Centro Ramón Piñeiro publicou a obra poética inédita, no volume Folla Bricia. Poesía galega completa, nunha edición crítica realizada por Ricardo Polín que inclúe tamén os textos de Codeseira.

Máis en CULTURA
Comentarios