MÁIS

Sen esquecer os viquingos

Catoira e O Vicedo lembran os pobos nórdicos.
Os viquingos chegan a Catoira nos seus 'drakkars' dispostos a loitar (Foto: Concello de Catoira)
photo_camera Os viquingos chegan a Catoira nos seus 'drakkars' dispostos a loitar (Foto: Concello de Catoira)

Ao longo da xeografía galega existen diversas vilas que non esquecen a presenza viquinga aló polo século IX. Catoira (comarca de Caldas) e O Vicedo (A Mariña) festexan as súas respectivas romarías viquingas todos os veráns. A do Vicedo sempre vai antes e nesta ocasión será esta sexta feira e o sábado. Os viquingos chegarán a Catoira o primeiro domingo de agosto. 

Ambas as romarías lembran a invasión por parte das tropas viquingas. No Vicedo están programadas diferentes actividades, como o desembarco dos invasores coa súa respectiva batalla contra a veciñanza da Mariña, o Gran Torneo Medieval a Cabalo ou os enterros e vodas viquingas. A Romaría de Catoira encetará coa chegada de diversos drakkars, barco viquingos. Despois chegará o tradicional saqueo por parte dos invasores.

Con todo, que hai de verdade e de mito nestas festas?  A Cidade da Cultura vén de inaugurar unha exposición internacional que busca acabar cos diferentes clixés sobre esta civilización. Unha vida viquinga estará dispoñíbel até xaneiro de 2025 e é de balde. A mostra amosa máis dun centenar de pezas históricas, unha réplica en cartón a tamaño real dun barco viquingo e unha curta sobre mitoloxía nórdica da man de David Rubín.

A exposición busca rachar con todos os estereotipos que envolven os viquingos, en especial os de natureza machista, que relegan as mulleres ao poboado. A mostra exhibe a participación de mulleres nas campañas de exploración por medio de recreacións. Tamén afonda na mestura con pobos como o da Galiza a través de alianzas, relacións comerciais ou o asentamentos en forma de campamentos. 

Máis en CULTURA
Comentarios