A Xustiza deportiva expedienta Tebas polo acordo co fondo CVC

O presidente da Liga de Fútbol, contra as cordas.
Javier Tebas Medrano dirixe a Liga desde 2013. (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Tebas Medrano dirixe a Liga desde 2013. (Foto: Europa Press).

O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) abriu un expediente sancionador ao presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), Javier Tebas, segundo confirmaron fontes da patronal de clubs.

Este expediente, "moi grave", está relacionado cunha denuncia realizada polo Real Madrid a raíz da convocatoria urxente por parte do dirixente da Asemblea Extraordinaria da LFP no verán de 2021 para tratar o acordo co fondo internacional CVC, ao que o conxunto branco opúxose totalmente, incluso levándoo á xustiza, e ao que podería unirse o Real Club Deportivo da Coruña logo do seu recente ascenso ao fútbol profesional.

A entidade que preside Florentino Pérez anunciou o 10 de agosto de 2021 que acordara "por unanimidade" executar accións legais tanto civís como penais contra Javier Tebas; Javier de Jaime Guijarro, responsábel de CVC; e o propio fondo, despois de que a patronal confirmase o acordo para que CVC inxectase 2.700 millóns de euros na competición a cambio de, din, articular unha "estrutura enganosa" que "expropia dos clubs 10,95% dos seus dereitos audiovisuais durante 50 anos e en contra da lei".

O BNG pide "esclarecer" incógnitas sobre o Mundial

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, lamenta que o proxecto da Coruña como sede do Mundial de fútbol masculino no 2030 "fose presentado, elaborado e anunciado sen consensuar o seu contido cos grupos municipais", que, insiste, "coñeceron as características do proxecto unicamente a través dos medios de comunicación".

Por iso, reclama "esclarecer incógnitas como a do financiamento", valorar a "sustentabilidade das finanzas" e "ten en conta o principal club da cidade, o Real Club Deportivo".

Comentarios