Ruben Gómez Lamas completou o percorrido de 29 quilómetros en 2 horas, 26 minutos e 5 segundos, marcando un tempo que sorprendeu á propia organización. A continuación cruzaron a meta Marcos Antonio Pascual Fidalgo e Amador Pena Torreira, nunha proba que destacou pola súa velocidade.
A vencedora en categoría feminina foi a moza de Dozón Tamara García Rodríguez, que rexistrou un tempo de 3 horas, 7 minutos e 22 segundos. Tras dela situáronse as atletas de Cangas de Morrazo e de Cervo, Carolina Niño e Carla Trillo.
Juan Carlos Rodríguez, responsábel da Asociación Os Faros da Vida, entidade organizadora da proba, destacou a Nós Diario “ a alta participación nesta edición da carreira, que quintuplicou a da primeira edición” así como “o seu carácter inclusivo, coa participación do invidente Iván Segade”.
A proba desenvolveuse nunha xornada de chuvia intermitente, onde mandou o característico orballo da Costa da Morte, que dotou aínda de máis dureza a unha competición que como en anteriores ocasións saldouse sen incidencias para os participantes na carreira.
O trail ‘Os Nosos Faros' percorre 18,2 quilómetros, partindo do Faro de Punta Nariga (Malpica) transcorre polo porto e o areal de Barizo, a praia de Seiruga, Beo, Cabo de San Hadrián e o paseo marítimo de Malpica. Segundo Rodríguez, trátase dun "escenario único", fronte ao "ao máis salvaxe Atlántico, sen nada de interior, practicamente no mesmo cantil, a carón do mar".
A carreira destaca pola súa dureza. Neste punto, Rodríguez sinala que “é un proba moi dura, con subidas e baixadas case que verticais, o que converte a carreira en moi técnica”. Na mesma dirección, indica que “é un percorrido para xente moi experimentada”.
Campionato galego de trail
A Asociación Os Faros da Vida xa traballa na preparación da carreira do ano que vén. Nesta dirección,Rodríguez explica que “agardamos o vindeiro ano acoller aquí en Malpica o campionato galego de trail”.
Rodríguez non ten dúbida das chaves do éxito desta proba. Así, significa que “é unha rota salvaxe nun escenario incomparábel, presenta a singularidade da Costa da Morte e ademais, damos aos participantes un agasallo gastronómico”.