‘Cubainformación’ gaña a batalla legal a Prisoners Defenders que pretendía encarcerar ao seu director

A Audiencia de Madrid acaba de ratificar a absolución do xornal 'Cubainformación' fronte a unha querela do presidente da organización dereitista Prisoners Defenders, Javier Larrondo.

EuropaPress_5835160_javier_larrondo_prisioners_defenders_interviene_mesa_redonda_titulo_caso
photo_camera Javier Larrondo, presidente de Prisoners Defenders. (Foto: Europa Press).

A batalla de Prisoners Defenders contra os colectivos que rexeitan o bloqueo á Cuba vén de lonxe. De feito, é unha das razóns de ser dun colectivo que se di centrado na defensa dos dereitos humanos en Bielorrusia, Cuba, México, Paquistán, Turquía, Siria e Vietnam.

A entidade fai parte do sector máis ultra do exilio cubano. Neste punto, son coñecidas as súas conexións cos sectores máis conservadores e partidarios da solución belicosa da comunidade cubana de Miami (Florida), destacando pola súa proximidade ao senador republicano Marco Rubio ou a Rosa María Payá.

O presidente da entidade, Javier Larrondo, presentou unha querela contra Cubainformación por unha nova publicada o pasado 5 de outubro de 2020 baixo o título de “Crear unha crise sanitaria en Cuba, obxectivo da guerra contra a súa cooperación médica”.

Larrondo reclamaba para o director de Cubainformación, José Manzaneda, seis anos de cárcere e unha cantidade próxima a 100.000 euros entre indemnizacións e multas, por un delito de inxurias, calumnias e incitación ao odio.

A sentenza da Audiencia de Madrid absolve a José Manzaneda e condena a Larrondo ao pago parcial das costas por “temeridade”. A peza obxecto da querela de Prisoners Defenders acusaba a esta entidade de colaborar con Estados Unidos no “combate contra os programas de saúde cubanos”,

Manzaneda

José Manzaneda sinalou en declaracións a Cubainformación que a querela foi unha “forma de persecución do xornalismo crítico que realiza Cubainformación, coa intención mesmo de encarcerar a un xornalista por un simple artigo xornalístico”.

“En Cubainformación imos seguir denunciando o bloqueo de EEUU contra o pobo cubano como unha das maiores violacións masivas e sistemáticas de dereitos humanos que existen hoxe no mundo”, concluíu Manzaneda.

Comentarios