Xosé Luís Méndez Ferrín homenaxeado en Celanova

A Fundación Ínsua dos Poetas de Celanova homenaxeou na súa edición deste ano a Xosé Luís Méndez Ferrín. O acto rematou co a inauguración do conxunto escultural "Espiral" da autoría Alberto Fernández e José Antonio Mosquera.

XVI Festa da Palabra - 2
photo_camera Asistentes ao homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín na Fundación Insua dos Poetas de Celanova. (Foto: Nós Diario).

O presidente da entidade organizadora da homenaxe, o escritor Luís González Tosar, destacou a calidade literaria da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, quen trasladou unha mensaxe aos asistentes ao acto a través da súa muller, a escritora Moncha Fuentes e a súa filla,a poeta Oriana Méndez.

A intervención de González Tosar foi seguida da do presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. Asemade, o encargado de dar lectura á laudatio de Xosé Luís Méndez Ferrín foi César Lorenzo Gil.

“Un dos grandes escritores ourensáns”

Luís Menor considerou "todo un acerto" que nesta ocasión se lembre "a un dos grandes escritores ourensáns, autor dunha excelente obra tanto na súa faciana de poeta como de narrador”

“Unha figura, a de Méndez Ferrín”, continuou Menor, “cunha grande dimensión humana e intelectual, que co seu traballo ponse ao carón doutros ilustres como Curros Enríquez, Vicente Risco ou Otero Pedrayo".

Menor afirmou que "temos a obriga de conservar o legado cultural que nos deixaron os nosos ilustres, que tamén co seu traballo intelectual contribuíron a facer Ourense" e asegurou que o compromiso "coa nosa cultura, é un dos piares da folla de ruta do Goberno provincial".

Lingua propia

O presidente da Deputación de Ourense destacou o labor desenvolvido pola Fundación Ínsua dos Poetas que "nos permite defender e presumir dunha lingua propia, que nos diferenza, pero que sobre todo nos une alá sempre onde estea un fillo desta terra".

A Fundación Ínsua dos Poetas xestiona un espazo no Carballiño do mesmo nome, que suma 26 pezas escultóricas dedicadas a outros tanto autores galegos. Segundo Menor, o conxunto permite "descubrir aos nosos grandes escritores, inmortalizados a través da obra de artistas que interpretan as obras dos autores aquí representados".

Comentarios