A Deputación da Coruña premia a Pilar García Negro, Nova Escola e Aquí tamén se fala galego polo seu compromiso coa normalización linguística

A Deputación da Coruña entregou este sábado os premios Rosalía de Castro a Pilar García Negro, Nova Escola Galega e Aquí tamén se fala galego. A iniciativa galardoa a aquelas persoas e institucións comprometidas coa lingua galega.

1721470587090
photo_camera Soledad Agra, Dolores Candedo de Nova Escola Galega, Pilar García Negro e promotores do proxecto Aquí tamén se fala. (Foto: Deputación da Coruña).

O acto de entrega desta XV edición do Premio Rosalía de Castro desenvolveuse no salón de actos do Circo de Artesáns da Coruña. A xornada foi conducida pola xornalista e directora de Nós Diario, María Obelleiro, e contou coa actuación musical de Marián Romero.

A escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro foi a premiada no capítulo de persoas comprometidas coa dignificación e promoción da lingua galega. A este respecto, María Obelleiro destacou que “é unha das voces pioneiras e máis autorizadas en temas de sociolingüística e planificación lingüística”.

O  movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega foi a entidade galardoado esta ano co  Premio Rosalía de Castro dedicado a entidades. Neste caso, Obelleiro sinalou o seu carácter “referencial no noso país que desde as primeiras etapas da súa traxectoria e até a actualidade, teimou por vincular a normalización lingüística e curricular no ensino, con froitos tanto na didáctica da lingua”.

O galardón para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade recaeu o proxecto Aquí tamén se fala, promovido polo IES Rafael Dieste de Rianxo. Así, o xurado do certame cualificouno como “a maior campaña de dinamización da lingua galega da historia exercida activamente pola mocidade”.

Obelleiro reclamou na súa intervención que o idioma galego é “o que nos define como pobo e que temos o deber de impulsar nun contexto de substitución galopante do castelán polo galego que urxe reverter. A mellor maneira de facelo é reivindicándonos como galegas e galegos, exixindo o noso dereito a vivir no idioma propio deste país”.

‘O noso ben máis prezado como nación’

A deputada delegada de Lingua, Soledad Agra, recoñeceu o labor dos premiados, destacando que “énchenos de orgullo e de gratitude, porque o voso esforzo, a vosa dedicación, a vosa defensa do noso ben máis prezado como nación é para nós unha referencia, porque “se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma” como dicía Castelao”.

As persoas, proxectos e entidades que premiamos fan a súa labor de xeito altruísta e ás veces “contra os elementos”, apuntou Agra, quen significou que “mesmo, e desenvolverían igual o seu traballo en defensa da lingua sen premios nin cartos”.

Agra asegurou “a importancia dos nosos tres premiados hoxe, destacadas en cada unha das categorías nas que se divide este premio, porque en cada unha delas non podía haber mellor referencia”.

Comentarios