A Mesa demanda a UNED por "impedir o uso do galego"

Marcos Maceira salienta que a UNED, como universidade pública, "debe dar exemplo respectando a oficiliade do galego".
Centro da UNED en Pontevedra.
photo_camera Centro da UNED en Pontevedra.

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar unha demanda contra a Universidade a Distancia (UNED) por "vulnerar os dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame por escribilo na nosa lingua", un caso do que informou no seu día Nós Diario. A UNED defende que "o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán" e que, "en consecuencia", "non ten obriga de corrixilo".

Mais o presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que a UNED, como universidade pública, "debe dar exemplo respectando a oficiliade do galego". "Ningunha persoa que se examine na Galiza ten que ser obrigada ou coaccionada a facer un exame un castelán", sentencia o presidenta da entidade en defensa do idioma.

Despois de que o reitorado desestimase o recurso de alzada interposto polo alumno, Bieito Lobeira, coa asistencia da Mesa, esta solicita agora xudicialmente que se recoñeza o dereito deste estudante a que "un docente da UNED corrixa e puntúe o seu exame" e que "se lle recoñeza o seu dereito a realizar todos os exames na lingua cooficial do territorio no que se examine".

A entidade recorda que o artigo 5 do Real Decreto 1239/2011, de 8 de setembro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade Nacional de Educación a Distancia establece que "a UNED, como Universidade Nacional, asume como misións fundamentais a inserción e coordinación entre os diferentes centros asociados de cada unha das Comunidades Autónomas así como o apoio ás linguas e culturas de España".

E engade que "colaborará coas Administracións Autonómicas e demais Administracións Territoriais para a difusión da lingua, a cultura e o mellor servizo aos seus cidadáns en educación superior", que "potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais españolas, tanto en España como no exterior", que "incorporará progresivamente as linguas oficiais españolas ás páxinas web e demais publicacións da Universidade, especialmente en comunidades con dúas linguas oficiais, cuxos Centros Asociados propiciarán a convivencia enriquecedora das dúas linguas en todas as súas actividades" e que "propiciará de forma progresiva que os estudantes poidan ser titorizados na lingua oficial que desexen".

Ademais no Regulamento de probas presenciais da UNED aprobado polo Consello de Goberno en o 28 de xuño do 2011 non prohibe, ningún caso, a realización das probas nas linguas cooficiais. A entidade de defensa da lingua agarda que o responsable tome, "á maior brevidade", as medidas precisas para resolver esta situación e evitar que se repita no futuro.

Na súa demanda, A Mesa recorda, tamén, que ao longo das últimas décadas a UNED foi permitindo a elaboración e presentación de tesinas e teses en galego. E cita, especialmente, o caso do filólogo e profesor de lingua galega Héitor Mera Herbello, quen defendeu a súa tese “Vida e Obra de Bernardino Graña” en galego, en 2009, baixo a dirección de Manuel Rodríguez Alonso, a pesar do impedimento inicial da universidade.

Finalmente, A Mesa subliña que cando, hai 20 anos, o deputado galego Francisco Rodríguez (do BNG) preguntou no Congreso por que a UNED impedía realizar as probas presenciais a nosa lingua, o goberno español contestoulle que "desde o punto de vista legal, tanto estatutaria como regulamentariamente, nada impide a realización de traballos de investigación, publicación e exames nas catro linguas do Estado", na UNED.

Comentarios