Entrevista | París 2024

Caetano Horta, remeiro: "Imos a París con ganas de todo e o único obxectivo de volver cunha medalla"

A pesar da súa curta idade, Caetano Horta (Noia, 2003) disputará en París os seus segundos Xogos Olímpicos. Estreouse con só 18 anos en Toquio e regresou cun diploma olímpico. Agora, da man do catalán Dennis Carracedo, o remeiro noiés aspira a subir ao máis alto do podio.
Caetano Horta (á esquerda), con Dennis Carracedo. (Foto: FER)
photo_camera Caetano Horta (á esquerda), con Dennis Carracedo. (Foto: FER)

—Conseguiu o billete a París na Copa do Mundo de Belgrado do pasado ano con Dennis Carracedo cunha excelente actuación nas semifinais e rematou quinto na final. Confiaba en obter ese resultado que lle deu a praza olímpica?
Si, claro que confiaba. Despois de ir facendo a tempada pasada bos resultados no Europeo, nas copas do mundo... chegamos ao mundial clasificatorio con boas expectativas e unha desas sete prazas tiña que ser para nós. E así foi.

—Para calquera remeiro ir aos Xogos é o máximo ao que pode aspirar. Para vostede esta será a segunda experiencia, despois de Toquio. Como se sente?
Para os deportistas que facemos algún deporte olímpico realmente é o máximo ao que se aspira. A min Toquio colleume moi cedo, con 18 anos, recentemente introducido no equipo absoluto. Foi unha competición moi especial pola Covid-19. Todo se vive en grandes dimensións. A Vila Olímpica, todo o que se move arredor dos Xogos... pero daquela sen haber nada de público, polo que era un pouco raro. Realmente teño ganas de vivir unha experiencia olímpica diferente como vai ser agora a de París, unha experiencia olímpica de verdade. Vai ser moi diferente a Toquio.

—Chegou a Toquio con só 18 anos e o seu podería dicirse que foi chegar e bicar o santo: primeira participación e primeiro diploma olímpico cun máis que meritorio sétimo posto. Como se sente?
Ese ano con Manel [Balastegui], que era o meu compañeiro naquel momento, só competira nunha regata, a do Europeo. Por desgraza pillamos a Covid os dous en diferentes épocas que coincidían con outras copas do mundo, e non sabiamos realmente o nivel que podiamos dar competindo co resto. Non sei se foi sorpresa ou non, pero realmente volver á casa cun diploma olímpico... Cando pasa o tempo miras atrás e dis, "ostras, pois si que o fixen ben" [ri].

—Con que expectativas viaxa agora a París?
Pois coa expectativa de todo realmente. Estamos nunha categoría na que todos se moven en moi poucos segundos. As sensacións deste ano nas competicións foron boísimas e estamos adestrando agora máis e mellor que nunca, polo que temos moita confianza en nós mesmos. Estamos desfrutando moito e imos a París con ganas de todo. E realmente creo que é algo moi posíbel volver cunha medalla; é o máximo ao que podemos aspirar.

Caetano Horta leva algo máis dun ano remando con Dennis Carracedo, após participar en Toquio 2020 con Manel Balastegui. (Foto: FER)
Caetano Horta leva algo máis dun ano remando con Dennis Carracedo, após participar en Toquio 2020 con Manel Balastegui. (Foto: FER)

—De feito, cando recibiu en maio a Medalla de Ouro do seu Concello, Noia, dixo: "Estade moi atentos o 2 de agosto [data da final do dobre scull lixeiro] porque será un antes e un despois na miña vida e na de Noia; será a miña primeira medalla olímpica".
Pois si, realmente é o que sinto e o que penso que vai ocorrer. E é certo que queda ben dicilo pero hai que conseguir facelo. Realmente creo que estamos traballando para iso e é co único obxectivo co que imos a París.

—Parece ter vostede moi boa sintonía co seu compañeiro de embarcación, Dennis Carracedo.
Levamos un ano e pouco subidos no mesmo barco. É un compañeiro que o fai todo moi fácil e desde o primeiro momento todo foi xenial e indo a máis. Conxeniamos moi ben, esperemos que esta maxia se faga realidade cunha medalla olímpica.

Agora estou todo o día adestrando, porque cando non adestro como, durmo e pouco máis

—Agora que queda tan pouco os adestramentos serán máis duros. Como é a rutina diaria dun remeiro olímpico?
Acabamos de baixar de Sierra Nevada, en Granada, onde estivemos dúas semanas adestrando en altura. Agora non sei exactamente canto, podo dicirche que estou todo o día adestrando, porque cando non adestro como, durmo e pouco máis. En Sierra Nevada botei contas e en dez días fixemos 260 quilómetros entre remo e ergómetro [máquina para simular a acción de remar]. Para quen non controle disto, son moitísimos quilómetros ao día, moitas horas. Pero é o momento de facer isto, facer máis volume para logo, que empezamos a baixar xa volume e aumentar a intensidade, que vaia todo rodado para alcanzar o pico de forma en París.

—Estes días será difícil pensar noutra cousa que non sexa París...
Somos conscientes da magnitude do evento. Isto ocorre só cada catro anos e este, grazas ás circunstancias que se dan, sentimos os Xogos como se fosen na casa, porque van vir vernos moitos amigos e familia. Este último mes é o que toca, non saírse nada do plan, traballar moi duro... e, bon, sen volverse tolos. Necesitamos que todo se aliñe moi ben, facer todo á perfección, para poder alcanzar un obxectivo tan difícil como o que temos.

A moto, a outra paixón de Caetano Horta

Caetano Horta empezou a interesarse polo remo moi noviño. Porén, ao principio esta non era a súa prioridade: "Eu andaba moito coa moto, facía motocross e tamén asfalto. Empecei no club de remo, onde o meu tío era o adestrador, para pórme forte e ter máis físico para andar na moto. Pero a partir de aí fun a algunhas competicións de remo, ía pouco a pouco gañando cousas e cada vez íame molando máis. E finalmente fun por este camiño", di, agora coa certeza que dá o paso do tempo de que aquela "foi a decisión correcta".

Hoxe a alta competición de remo impídelle gozar tanto como gostaría da moto —"na miña curta carreira de piloto rompín o fémur, a clavícula, o cúbito e o radio", rememora—, mais confía en poder voltar ao circuíto algunha que outra vez cando non teña unha cita tan importante como a olímpica marcada en vermello no calendario.

Comentarios