Seijas e Ríos, novas técnicas da Irmandiña de fútbol sala

Volven as seleccións galegas sénior absolutas
Bea Seijas é unha das grandes lendas do fútbol sala da Galiza. (Foto: Ourense OnTime).
photo_camera Bea Seijas é unha das grandes lendas do fútbol sala da Galiza. (Foto: Ourense OnTime).

Novidades no agardado regreso da Irmandiña de fútbol sala na súa categoría absoluta. Así, tres semanas despois de que a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) anunciase a súa volta -que porá fin a unha parada obrigada de 16 anos no caso da masculina e de sete na feminina-, agora o ente confirma o nome das persoas encargadas de dirixir ambos os combinados.

O escollido para adestrar os varóns foi Diego Ríos, actual técnico do Bintang Timur Surabaya indonesio, a onde chegou logo de facerse cargo de clubs como Azkar Lugo, O Parrulo Ferrol, Levante ou Ribera Navarra, logrando nove permanencias en Primeira División, un ascenso á elite, unha clasificación para a Champions ou unha final ligueira, entre outros éxitos.

No referente ás mulleres, a RFGF optou por Bea Seijas, unha das grandes figuras do fútbol sala feminino estatal. Esta, que hai apenas uns días colleu as rendas do Ourense OnTime da Primeira División, compatibilizará o cargo co de seleccionadora, onde agarda sacar petróleo da gran experiencia que adquiriu como xogadora, logo de colgar as botas en 2019 aos 45 anos. 

O debut de ambas as preparadoras será nun cuádruplo compromiso fronte Catalunya. Os dous primeiros levaranse a cabo o 11 de setembro en territori catalá con motivo da Diada, mentres que os restantes serán en terras galegas nunha data aínda por determinar ao longo do próximo ano 2025.

A Galiza, subcampioa de fútbol praia infantil

Cambiando o parqué pola area, as seleccións galegas infantil e xuvenil masculina fecharon esta pasada terza feira a súa participación no Campionato de España de Fútbol Praia que se está disputando en Cádiz (Andalucía), e o balance foi máis que positivo: unha cuarta praza e un subcampionato.

Este último conquistouno o infantil após caer na gran final do torneo ante Baleares (7-4). A pesar de que a Irmandiña se adiantou no marcador, acabou sucumbindo ante o poderío ofensivo do elenco insular, nun resultado que non embaza o traballo feito polos rapaces.

Pola súa parte, os xuvenís ficaron sen podio sobre a bucina, pois no partido polo terceiro posto perderon na prórroga contra a sempre potente Catalunya (5-6).

Comentarios