O Noia, campión da Galiza de fútbol sala masculino

Superou na final O Parrulo Ferrol.
O Noia tivo que remontar un resultado adverso. (Foto: Noia Portus Apostoli).
photo_camera O Noia tivo que remontar un resultado adverso. (Foto: Noia Portus Apostoli).

A finalísima da Copa Galiza de fútbol sala masculino tivo lugar onte co gallo da festividade das Letras Galegas. Desenvolta no pavillón Agustín Mourís, o conxunto local, o Noia, logrou imporse ao Parrulo Ferrol por un resultado de 5 goles a 2.

Con todo, o resultado pode resultar enganoso, pois o choque non foi un paseo militar dos locais, que nun moi mal inicio chegaron a ir perdendo por 0 a 2, até que o tanto de Pirata no minuto 15 instalou os cimentos dunha épica remontada. 

A previa da Primeira División de Fútbol Sala Feminino

Penúltima xornada ligueira na Primeira División de fútbol sala feminino, a máxima categoría estatal con máis peso da representación galega, con seis dos 16 equipos participantes.

Non obstante, un deles está virtualmente condenado ao descenso a Segunda División, xa que Marín Futsal e terceiro pola cola con 23 puntos -cun comodísimo colchón de 13 sobre o Raio Maxadahonda e de 16 sobre o Leganés- e Viaxes Amarelle da Coruña emerxe xusto a continuación na táboa con 25 puntos.

Isto quere dicir que, tendo en conta que se reparten tres puntos por vitoria e un por empate, e que quedan tan só dous partidos por disputar, o seu inmediato predecesor, FSF O Castro Bloques Cando, décimo segundo con 28 puntos, xa é practicamente inalcanzábel para o Marín.

Neste duelo fratricida a formación pontevedresa, que na anterior data salvou o primeiro match ball da tempada vencendo a escuadra herculina por 3-1, está obrigada a imporse noutro derbi, esta vez fronte ao veciño Poio Pescamar, co que colide na Seca ás 18.30 de hoxe.

Non obstante, o biscotto está absolutamente descartado, xa que a formación conserveira, cuarta clasificada, aínda non certificou o seu pase aos que serían os segundos play-off ligueiros da súa historia.

Pola súa parte, o Amarelle tamén encara obrigado a gañar un derbi, no seu caso na Coruña e fronte un O Castro Bloques Cando (hoxe, 19.15 horas) que, como se indicaba anteriormente, está case salvado.

Ademais, o Ourense OnTime colidirá co Alcantarilla murciano ás 18 de hoxe na Cidade das Burgas e o Pescados Rubén Burela fechará a xornada para os conxuntos do país ás 20 horas visitando a pista do Raio Maxadahonda madrileño. 

Comentarios