A sexta edición do TradFest ofrece quince propostas folk en varios puntos de Compostela

Caamaño&Ameixeiras, Cantometris, Luís Peixoto e Capercaillie, entre otros, danse cita na capital galega.

Mauro Sanín, Eloy Vidal, Pilar Lueiro e Jacobo Sutil. (Foto: Concello de Santiago)
photo_camera Mauro Sanín, Eloy Vidal, Pilar Lueiro e Jacobo Sutil. (Foto: Concello de Santiago)

O vindeiro domingo 28 xullo, dentro do programa das Festas do Apóstolo, decorrerá un ano máis o TradFest Compostela, unha celebración da música popular actual con concertos, feira de artesanía, ruadas e actividades que Terán lugar no parque e igrexa de San Domingos de Bonaval e na praza da Quintana.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic); Mauro Sanín, de aCentral Folque; e o artista Eloy Vidal, do grupo Alana, presentaron esta terza feira en rolda de prensa a nova edición do TradFest que traerá este domingo a Compostela propostas musicais de varios países.

O TradFest é unha festa da música popular con artistas galegos e internacionais que ofrecerán o vindeiro domingo 28 de xullo diversas estéticas arredor dos cantos, os bailes, a tradición, a contemporaneidade… en varios palcos do parque e da igrexa de Bonaval, finalizando a xornada na praza da Quintana.

Para este ano, o elenco contempla artistas internacionais coma Crua e Luís Peixoto desde Portugal, Rholben desde Inglaterra, Le Mange Bal desde Bretaña e o concerto especial de 40º aniversario da mítica banda escocesa Capercaillie. Da Galiza estarán Caamaño&Ameixeiras na praza da Quintana, Bailai Malditos (nas ruadas), Cantometrics, Lina e Lola, Os Carecos, Arroutes e Alana no parque de Bonaval e os máis íntimos recitais solistas de Marcos Teira e Ariel Ninas na igrexa de San Domingos.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, recordou que o acceso ás actuacións será libre e de balde, e convidou a toda a veciñanza a gozar desta cita musical interxeracional que é "unha oportunidade perfecta para compartir en familia, con amizades" e no que "a foliada está garantida".

Comentarios