Volven as seleccións galegas absolutas de fútbol sala

Xogarán ante Catalunya o 11 de setembro, coincidindo coa Diada.
A Irmandiña feminina leva inactiva desde o ano 2017 (na imaxe). (Foto: RFGF).
photo_camera A Irmandiña feminina leva inactiva desde o ano 2017 (na imaxe). (Foto: RFGF).

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) oficializou esta segunda feira o regreso á acción das seleccións galegas absolutas de fútbol sala. Estas non xogaban, no caso dos varóns, desde hai máis de 15 anos, e máis en concreto desde o 2008, cando colidiron coa celeste uruguaia nun amigábel disputado no pavillón da Malata, en Ferrol; as mulleres, pola súa parte, tiveron unha actuación algo máis recente, en 2017, precisamente, contra Catalunya.

O ente con sede na Coruña fixo público agora un acordo coa súa homóloga do leste peninsular para que a Irmandiña e a cuatribarrada se enfronten até en catro partidos, dous dos combinados masculinos e outros tantos dos femininos.

Ademais, a RFGF confirmou que os primeiros terán lugar o 11 de setembro -coincidindo coa festividade da Diada- en territorio catalán, mentres que os restantes serán na Galiza durante algunha data aínda por concretar ao longo do vindeiro ano 2025, e que a selección galega estará conformada "por xogadores e xogadoras nados na Galiza", protagonistas que se darán a coñecer "nos próximos días".

Deste modo, a Federación Galega dá resposta a unha demanda dos clubs e da afección do fútbol sala, pois a Galiza é un dos territorios con máis tradición e afección deste deporte no conxunto do Estado.

Hugo Mallo será xulgado por abusos sexuais

Cambiando o fútbol que se disputa sobre parqué polo que ten lugar pisando o verde do céspede, un dos futbolistas galegos máis recoñecíbeis da última década, Hugo Mallo, deu por finalizada a súa aventura brasileira despois de 10 meses.

Eduardo, 'Chacho', Coudet, o que fora o seu adestrador no Celta de Vigo e o gran valedor da súa contratación polo Internacional de Porto Alegre, deu por feito que o lateral dereito de 33 anos non volverá vestir a elástica do Orgulho do Brasil: "Ten que marchar por unha situación persoal e non sei se impos poder contar con el, seguramente non".

Esa "situación persoal" á que fai referencia Coudet é o xuízo que terá o próximo 11 de xullo en Barcelona polos presuntos abusos sexuais que cometeu antes dun Espanyol-Celta, pois unha muller disfrazada da mascota do club catalán sostivo que lle tocou os peitos por debaixo do traxe.  

Comentarios