Entrevista | París 2024

Ester Navarrete, a enfermeira que colgou a bata para arrasar na maratón e preparar os primeiros Xogos: "Tardei en asimilalo"

Poucos exemplos hai no deporte de alto nivel como o de Ester Navarrete (Vigo, 1990), que debutou nunha maratón gañando, logrando a mínima olímpica e asinando a segunda mellor marca estatal da historia e mellor da Galiza. A viguesa, que foi nai en 2021, demostra que non ten teito e aspira a seguir facendo historia nos seus primeiros Xogos Olímpicos, en París.
A viguesa Ester Navarrete correndo a media maratón do Europeo de Roma, onde foi bronce por equipos. (Foto: Sportmedia)
photo_camera A viguesa Ester Navarrete correndo a media maratón do Europeo de Roma, onde foi bronce por equipos. (Foto: Sportmedia)

—A de París será a súa primeira cita olímpica. Hai nervios?
Os nervios lévoos ben, de momento non hai moitos. Estou desfrutando moito da preparación. Xa vimos o circuíto e é máis duro do que esperabamos, polo que temos que facer mais fincapé nas costas e preparalas ben.

—Haberá importantes desniveis e unha pendente máxima de 13,5%. E a previsión é de calor para o día da maratón. Como poden afectar estes factores á carreira?
Vai ser un circuíto moi duro, e se aínda por riba fai calor, volverase moito máis exixente. De feito, xa quixemos adestrar con costas e en condicións de calor para ir facendo unha adaptación ao que será a competición.

—O debut foi inmellorábel: campioa na súa primeira maratón, mínima olímpica e segunda mellor marca estatal de todos os tempos...
Si, a verdade é que foi chegar e encher, como dicimos aquí. Eu vía que avanzaba a carreira e ía primeira, convencíame de que tiña que logralo, de que xa o estaba logrando. Ao cruzar a meta estaba nunha nube, sabía o que conseguira pero creo que non era consciente de todo. Até pasadas unhas semanas non o asimilei de todo. Para min é un soño; estou desfrutando cada adestramento, saboreando o momento.

—Vostede empezou competindo en probas de fondo máis pequenas, como os 5.000 ou os 10.000 metros. Por que decidiu dar o salto á media maratón primeiro e finalmente á maratón completa?
Foi un pouco precipitado todo. O ano pasado por estas datas, ao rematar o Campionato estatal absoluto, despois dos 5.000 metros [onde Navarrete foi terceira], si que se me propuxo preparar a media maratón e buscar a mínima para ir ao Europeo de Roma. Viámolo bastante asumíbel e decidimos competir en València, nunha carreira bastante chá e á que vai moita xente porque sempre se pode facer marca. Preparámola e saíu tan ben [récord galego nesa distancia] que...

—Que viu que non ten teito e quería ver até onde podía chegar...
Todo o mundo me falaba da maratón e eu dicía que me ía centrar nos 10.000, que me gusta máis, e que a maratón quedaría para máis adiante. Pero como eses días foi tanta a xente que me dixo que tiña que tirar pola maratón, o meu representante xa me insistira niso falando de que era ano olímpico... Non me parara a pensalo con calma, pero ao final fixéronme velo como algo real. E máis ou menos nunha semana decidimos seguir adiante, porque tiña que empezar a prepararme para Sevilla, e aínda así fun moi xusta. Queriamos ver como ía asimilando os adestramentos ao ir metendo máis quilómetros, porque igual vía que estaba batendo contra unha parede e era preferíbel centrarnos noutra distancia. Pero foi ben, funo asimilando moi ben e cheguei a Sevilla con moitas ganas de debutar porque estaba desfrutando moito. E ao final saíu redondo.

—Pasar á maratón é un salto enorme. Esperaba ese resultado en Sevilla?
Iamos cun pouco de respecto, porque na media maratón fora ben, pero isto é o dobre e o corpo en calquera momento pode responder mal ou diciche "até aquí chegamos". E non só depende de ti, tamén doutros factores como a calor ou o circuíto. Pero me fun encontrando ben, quixen arriscar e ver até onde podía chegar. Non é que me sorprendese, porque sabía que estaba para baixar de 2:26 e facer unha boa marca, pero cando me dixeron no quilómetro 30 que ía para 2:24 aí xa intentei apertar máis, dalo todo. E se vén o 'muro' pois que veña, pero que non se diga que non o intentei.

—Cada carreira é un mundo e os resultados son dificilmente extrapolábeis, pero coa súa marca de Sevilla gañaría a maratón de Toquio 2020, se ben foi atípica polas condicións climatolóxicas, e estaría pelexando polas medallas en Rio 2016 e Londres 2012...
Agora a xente está correndo moito, estanse pulverizando moitas marcas e recuperámonos mellor dos adestramentos e as competicións. Ese baixón que se soe dar na maratón, o famoso ‘muro’, non chega tan forte. Hai atletas con moi boas marcas, mellores que a miña... Eu espero quedar entre as primeiras europeas, que é o meu obxectivo, porque o podio xa o vexo moi difícil. Veremos que pasa e como inflúe o circuíto, porque pode pasar de todo.

—O certo é que chega nun bo momento de forma.
Si, pasar polo Campionato de Europa foi un acerto, porque queriamos ver como ía a preparación para a maratón porque o noso obxectivo final eran os Xogos. E agora vou con máis motivación porque vin que estou forte, que acabei con moita forza e que vai ben a cousa.

—En 2021 vostede foi nai. Pensaba nese momento que tres anos despois sería olímpica ou xa estaba practicamente despedíndose da súa carreira deportiva? 
Eu pensaba que rematara a miña carreira deportiva. E non pasaba nada, porque é o que eu quería; o meu maior desexo era ser nai. Non pensaba en deixalo, porque si me apetecía volver a un Campionato de España co meu fillo e poder dicirlle, "cheguei até aquí, conseguín isto". Pero logo funme sorprendendo a min mesma, vendo como respondía nos adestramentos, e íame exixindo un pouquiño máis, despois outro pouquiño... e até aquí.

Do Sergas aos Xogos Olímpicos, a arriscada aposta de Navarrete

Ao ver que o seu soño ía parecendo cada vez máis real, Ester Navarrete pediu o pasado inverno unha suspensión de chamamentos ás listas do Sergas de enfermaría para poder centrarse na preparación da maratón. Unha decisión que admite que era "arriscada" pero que, sen dúbida, pagou a pena: "Tiñamos algo de medo porque era unha aposta moi grande, pero foi un acerto".

Participar nuns Xogos é "un soño" tanto para a atleta como para os seus familiares e amizades, mais non foi ningún camiño de rosas. "Estamos todas moi satisfeitas e orgullosas por todo o que sufrimos, porque, ao final, pasamos moi bos momentos, pero tamén moi malos", admite. Navarrete xa premeu o acelerador para preparar a maratón: "Non é só adestrar, tamén hai que descansar, pero tres ou catro horas ao día si que as boto. E despois algún día dobro e aumenta a intensidade", di.

Comentarios