Vinte e cinco artistas conforman o cartel do SonRías Baixas de Bueu

Mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela, The Rapants ou Tanxugueiras.
The Rapants
photo_camera The Rapants

Todo está preparado para que comece a 21ª edición do festival SonRías Baixas, que decorrerá en Bueu do 1 ao 3 de agosto.

O cartel, que estará formado por 25 artistas, chega encabezado por nomes como La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, nunha aposta da organización, a promotora PlayPlan, para tratar de cambiar a tendencia marcada pola propia industria musical, e apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como nomes principais do cartel.

Tamén se mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezada pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego destes últimos anos, as Tanxugueiras.

A todos estes nomes súmanselles as interesantes propostas de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Elite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds, mantendo desta maneira a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais.

SonRías Baixas foi galardoado recentemente nos Iberian Festival Awards co premio na categoría Best Touristic Promotion. Celebrando o ano pasado a súa vixésima edición, centra todos os anos gran parte da súa comunicación na promoción turística da zona na que se celebra, dándolle gran importancia ao seu enclave privilexiado na vila de Bueu, corazón das Rías Baixas.

Ademais de integrar a rexión turística no nome do festival, o SonRías Baixas é o único festival que conta cun Parque Nacional no Concello no que se celebra, e promove de forma activa suxestións de miradoiros, praias, gastronomía e carreiros.

Máis en CULTURA
Comentarios