MÁIS

Ocio e música en Porto do Son

A solidariedade das artistas do Fonforrón 
Vistas ao areal do Fonforrón, en Porto do Son (comarca de Noia). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vistas ao areal do Fonforrón, en Porto do Son (comarca de Noia). (Foto: Nós Diario)

Moitas veces un local a pé de praia "en aluguer" pode supor unha oportunidade e ese foi o caso para Miriam Rivera Gómez. O ano pasado fíxose propietaria do estabelecemento do Fonfo en Porto do Son (comarca de Noia) para encher de música a tempada estival. Así, decidiu tomar a iniciativa no que é o seu primeiro local propio, tras anos traballando no sector. En declaracións a Nós Diario, apunta aos novos medos  xerados ao fío de comezar a levar un local e "non saber se vai ir ben ou mal".

O que non cabe dúbida e que lle botou esmero tanto pola renovación física do Fonfo como por implantar unha programación musical estábel e de carácter semanal (dous ou tres actuacións á semana) e ofrecer ademais gastronomía. Aínda así o éxito nunca estivo asegurado e as primeiras satisfaccións foron humanas co apoio desinteresado e o vínculo creado con artistas como Suso Aboy ou Chiña, esta última unha das primeiras voces que soaron no Fonfo e gañadora do certame Con moito talento.

Ambos desde o comezo ofreceron á propietaria máis que a súa música, tamén disposición a colaborar e encher de alegría este local. Todos estes foron xestos que deron nunha relación laboral e persoal duradeira, desde 2023 e con cinco actuacións ás costas no caso de Chiña. Mais non só hai calidade humana na proposta musical tamén variedade con grupos en vivo de pop, rock ou sesións disc-jockey que pouco a pouco calaron e convertéronse no "emblema do Fonfo".  

En conxunto, converteuse nun ano nun estabelecemento moi atractivo para veciñanza e turistas, cada vez máis abundantes segundo Miriam Rivera, pois é perfecto tamén para que está de paso. Non só é ideal para quen visite a praia do Fonforrón, senón tamén para  "a xente que visita outras praias como Aguieira ou Portosín", sinala Rivera. 

En conxunto, tanto pola proposta como polo ambiente natural e humano que o rodea o Fonfo é non só un lugar agradábel, tamén  é un espazo cómodo de parada, descanso, comida ou retirada.

Praia que vén e vai

Como indica Miriam Rivera, xerente do estabelecemento, este destaca pola localización na praia do Fonforrón en Porto do Son (comarca de Noia). Neste senso, o areal é un pouco particular  porque "se sobe a marea non hai praia e se baixa podes chegar andando ao areal de enfronte". Outro detalle da praia é o feito de constituír un resgardo aos ventos que baten nesta zona do litoral, que contrasta con que o areal sexa de difícil acceso, situación que fai que non estea especialmente concorrida. Aínda así, destaca o "bonito da zona e as súas vistas" que cada ano atrae maior cantidade de turismo a este singular areal e o seu agradábel local.

Reto e oportunidade

Malia que o Fonforrón xa existía e era coñecido na comarca, tal e como está hoxe é obra da súa nova propietaria, Miriam Rivera. Con experiencia previa na hostalaría, enfrontouse ao reto de levar por primeira vez o seu propio local, experiencia valente que non sempre é doada.

Con cor e ledicia 

O estabelecemento experimentou un lavado de cara importante, a través da introdución de concertos ao abrigo de paraugas de cores e mesas de palé pintado. Unha nova imaxe que busca "transmitir alegría" á vez que manter a esencia afábel do local e ampliar o rango de idade da clientela.

Máis en CULTURA
Comentarios