MÁIS

As fermosas Lobeira

Estas illas cun encanto descoñecido gobernan a ría de Corcubión. 
As illas Lobeira atópanse na ría de Corcubión, situadas a máis de tres quilómetros da vila homónima. (Foto: Roi Sande)
photo_camera As illas Lobeira atópanse na ría de Corcubión, situadas a máis de tres quilómetros da vila homónima. (Foto: Roi Sande)

Un arquipélago de non máis de 7 hectáreas en total érguese na ría de Corcubión, aínda que son poucos os que as poñen en valor. As illas Lobeira son dúas e levan o alcumes de Grande e Chica segundo falemos da maior ou a menor en proporción. 

A primeira delas atópase presidida por un faro construído en 1909 e que en tempos obrigaba a que a illa estivera habitada por un fareiro máis a súa familia, que ademais quedaban incomunicados con terra en tempadas de treboadas. Na actualidade, o gran facho dos mariñeiros está automatizado e, polo tanto, a Lobeira Grande non ten ningún habitante. Ambas as illas foron terra de ninguén até máis aló dos inicios do século XX. De feito, os fareiros non pertencían a ningún censo e non podían empadroar as crianzas. Por proximidade, as illas poderían pertencer a Carnota (comarca de Muros). É a localización máis perto, a 2,8 e 1,6 quilómetros da Grande e da Chica, respectivamente. Ademais, a maioría das relacións estabelecíanse con poboacións da contorna de Carnota, como Quilmas e o Pindo. 

Con todo, por cuestións histórico-sociais, as Illas Lobeira pertencen a Corcubión (comarca de Fisterra), a 3,5 quilómetros. As illas son un refuxio natural de aves e foron vítimas de diferentes estragos ao longo da historia. Un dos máis notorios foi en 2008, cando se liberaron raposos na contorna para minguar a poboación ovípara. Grazas ao labor dos membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural, as Lobeiras teñen certa marxe de protección ao integrarse en 2014 na Zona Especial de Conservación Carnota-Monte Pindo, aínda que as autoridades adoiten ignorar o valor das Lobeira. A asociación sigue exixindo que se regule a  actividade dos taxis marítimos e o mergullo, posto que non existe ningunha normativa para protexer a flora e fauna. As embarcacións circulan, segundo a afluencia de visitantes, sen existir un máximo diario como o que si hai nas pertencentes ao Parque das Illas Atlánticas. 

O faro das Lobeiras guía na inmensidade

O faro data do ano 1909 e preside a Lobeira Grande desde a súa cara norte. Foi obra do enxeñeiro Salvador López Miño, que o deseñou a petición da Dirección Xeral de Obras Públicas. Na construción pedíase un edificio para acoller os fareiros e máis os seus familiares. Ligados ao faro, a torre central, un embarcadoiro e un camiño de servizo que conectara este último coa vivenda e o faro. A illa posúe unha vista privilexiada do faro de Fisterra. Deste depende a actividade do de Lobeira, desde a súa automatización. A potente luz que emite é visíbel a máis de 17 quilómetros. 

Toponimia do lugar, lenda ou historia?

Existen dúas teorías sobre a orixe do nome das illas Lobeira. A primeira delas fala dunha poboación de lobos mariños no lugar, mais a xente do mar di que a etimoloxía provén de que as illas teñen o carácter dos lobos; esperan agochadas como o animal até que os barcos chocan con elas, supondo un gran perigo.

Roteiros marítimos até as Lobeira

Son numerosas as empresas privadas que ofertan roteiros arredor das illas para coñecelas desta a distancia. Ademais, veciños e veciñas das vilas de Carnota ofrecen a visitantes facer o mesmo nas súas embarcacións, chegando nalgúns casos a desembarcar na única praia grande das Lobeira.

Comentarios