MÁIS

Alzar a música e as voces por todas

De Guadi a Malvela, os concertos de Con voz de muller retornan a Pontevedra

Desde mañá e até o 4 de agosto Pontevedra, en plena xeira de festas, leva outro ano máis grandes artistas galegas á praza da Ferraría. De cantoras como Guadi Galego a grupos como De Vacas, o ciclo abranguerá actividades para sensibilizar sobre a situación das mulleres na cultura. Todas as actuacións son de balde e cargadas de moito talento e reivindicación. 

De Vacas, Sheila Patricia, Guadi Galego e Malvela, todas participarán do ciclo musical pontevedrés. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De Vacas, Sheila Patricia, Guadi Galego e Malvela, todas participarán do ciclo musical pontevedrés. (Foto: Nós Diario)

Mañá comeza en Pontevedra o ciclo musical Con voz de muller, un encontro impulsado polo Concello, con entrada gratuíta, e que durará até o domingo 4. A programación comeza ás 20.30 horas con ruadas pola cidade "con protagonismo feminino".Troula, mañá; a charanga Brassica Rapa, o día 1; o grupo Celme, a sexta feira 2; o grupo de percusión Somdolilá, sábado 3; e a charanga Bicoia o domingo 4, sinala a Nós Diario o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez.

Con todo o epicentro será a praza da Ferraría, na que actuarán a partir das 22.30 horas artistas femininas consagradas e emerxentes como Guadi Galego e Sheila Patricia. Cada noite será o momento dunha das cantantes: a primeira en actuar será Guadi, esta cuarta feira, e, na quinta feira, De Vacas, na sexta feira Sheila Patricia e o sábado Malvela.

Ademais, como incorporación nova este ano, no medio da edición (na sexta feira), como adianta Demetrio Gómez, será a quenda de amosar o talento das mulleres da comedia galega. Así, escoitarase a retranca de voces como as das cómicas Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro, dentro do espectáculo Sen restricións, na "liña de abrir o foco e demostrar que na Galiza hai poderío e calidade", indica o concelleiro pontevedrés de Festas. 

Con varias edicións ás costas (o ano pasado actuaron Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, Leilía e Sés), o ciclo busca incluír diversidade de estilos e perfís que proben que o son feito por mulleres é "de calidade". En particular, destaca o espectáculo O movemento de Sheila Patricia, presentado en primicia na praza da Ferraría.

A semana pasada decorreu a presentación pública do ciclo, da man de Guadi Galego e Demetrio Gómez. Na rolda de prensa, o concelleiro agradeceu a presenza de Guadi, ao regresar á cidade do Lérez tras esgotar todas as entradas no seu concerto de abril na Boa Vila. "Había demanda de volvela ver en Pontevedra", resaltou. "Faremos unha adaptación do que fixemos no Teatro de Pontevedra [en abril], aínda que ao ser fóra precisa outro tipo de atención", explicou Guadi.

Visibilidade 

Guadi Galego sinala a este xornal que propostas como a de Pontevedra son necesarias e marcan a diferenza nun contexto de excepción no que “a situación das mulleres na música non está normalizada". Iniciativas como esta son precisas debido á falta de visibilidade que se lles dá polo feito de seren mulleres e non pola escaseza de músicas de calidade. Todo o contrario: “Son moitas as mulleres liderando proxectos no país” a día de hoxe, indica Guadi Galego. 

Mais isto non se traduce en representatividade e contratación nos carteis e as artistas coas que conversou este xornal fan referencia aos datos publicados nos últimos tempos sobre a presenza feminina nos festivais máis grandes da Galiza, que reciben financiamento da Xunta da Galiza. Así, Paula Romero, integrante de De Vacas, cualifica esta presenza de mulleres de “absolutamente minoritaria”, o que cualifica de "escándalo".

Precariedade e xénero

Como profesional desde 1998, Guadi Galego sinala como principais problemas da escena galega a falta de igualdade salarial e presencial. De feito, Paula Romero engade como consecuencia unha "maior dificultade para desenvolver a carreira, xa que a precariedade na música, especialmente se es un colectivo infrarrepresentado, tradúcese en falta de investimento e limitacións para producir música, facer videoclips, xiras ou concertos". Así, "por forza, moitísima xente abandona". Aí é onde a cantante Sheila Patricia ve a contradición, xa que á vez "de bastante precario, o momento é rico a nivel de artistas". Na súa perspectiva, o panorama está marcado pola sobresaturación dalgunhas bandas nos carteis fronte a outras propostas, nas que se inclúe e que non teñen a oportunidade de chegar a públicos máis amplos. 

Asemade, incide en que a paridade no habitual do panorama dos grandes festivais reside actualmente en "encher a cota" de artistas femininas coa hipocrisía de, cumprido este obxectivo, "chamar grupos ou artistas masculinos" case de forma automática. 

"Algo máis que unha voz bonita"

Tamén apunta Sheila Patricia ao paradigma das instrumentistas femininas, valoración que comparte a cantante Paula Romero, que incide tamén nos roles de xénero e na necesidade de que estes muden. Desde o seu punto de vista, que non haxa tantas mulleres instrumentistas como voz e que as bandas estean conformadas maioritariamente por homes  responde a unha “asociación patriarcal na que o home é quen colle o instrumento e a muller quen utiliza a súa voz como instrumento”. Neste senso, a repetición de patróns resulta clave tanto para identificalos mais tamén éo “valorar e afondar en a que se debe”, facendo fincapé na falta de referentes.

As letras

Ademais do recoñecemento das artistas, habilitar máis espazos para as mulleres na música achega novas riquezas ás xeiras culturais a través dos temas e letras que estas producen. Non é a mesma profundidade nin a mesma comprensión a música con voz de home sobre violencia, póñase por caso, que se esa canción é composta por unha muller, como reflexiona Paula Romero. 

Nun dos seus últimos temas dentro do espectáculo Rebobina Divas Life, De Vacas introduce unha versión dunha canción de Rihanna que retrata as violencias exercidas contra as mulleres e que, sinala, "resultou dura de escribir xa que son temas que tocan a meirande parte das mulleres, pois víveno de perto e poden conectar dunha forma máis integral". Nisto tamén sinala o traballo de "desbloqueo de tabús", especificamente, aqueles só experimentados por mulleres. Así, desde o grupo apostan por escribir sobre temáticas como a menstruación que, lembra Paula Romero, “até hai pouco era un líquido azul” nos anuncios comerciais da televisión. 

Por este motivo, parécelles “importante” verter non só entretemento senón reivindicación ao escenario para visibilizar e romper cos silencios ao redor dos asuntos e circunstancias que experimentan as mulleres “desde a retranca e a irreverencia”.

Comentarios