Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira actuarán no ciclo Coa Nosa Voz, que se celebrará no Teatro Colón en xuño

"Con esta iniciativa, queremos visibilizar a canción de autora en galego, celebrar a diversidade, a calidade e o talento de mulleres como elas, que nos enriquecen, nos ensinan e levan a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música por escenarios de todo o mundo" sinalou a deputada de cultura, Natividade González.

Antía Muíño, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Uxía Senlle e Natividade González.
photo_camera Antía Muíño, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Uxía Senlle e Natividade González.

A área de cultura da Deputación da Coruña promove o ciclo Coa Nosa Voz, que se celebrará no Teatro Colón os días 2, 9, 23 e 30 de xuño, e acollerá as actuacións de Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. As entradas poderán retirarse, de balde, na páxina web de ataquilla.com. Así o anunciou esta segunda feira, 20 de maio, a deputada de cultura, Natividade González, acompañada das catro artistas que protagonizan o cartel, "catro voces moi diversas, de diferente procedencia, xeracións, e estéticas, pero todas elas mulleres de referencia no panorama da música galega e nacional", apuntou.

Os concertos celebraranse durante catro domingos e comezarán o día 2, ás 20 horas, co de Guadi Galego, que presentará o seu espectáculo Síntese Horizonte. Continuarán o 9, tamén ás 20 horas, co de Uxía e o seu traballo Santa liberdade: un soño compartido; o día 23, ás 19 horas, A Pedreira e Basal; e rematarán o día 30 con Antía Muíño, e o seu último álbum, Carta Aberta.

Este ciclo nace para poñer en valor a 'canción de autora', "conscientes da calidade que hai nestes últimos anos, que non se corresponde coa cantidade de espazos que hai para exhibila" sinalou a deputada. "Queremos visibilizar a canción de autora en galego, celebrar a diversidade, a calidade e o talento de mulleres como elas, que nos enriquecen, nos ensinan e levan a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música por escenarios de todo o mundo".

O concerto co que comeza o ciclo é unha proposta exclusiva de Guadi Galego, coa que pretende sorprender ao público e, á vez, ofrecer unha experiencia musical única e transformadora. Así, neste concerto, a creadora de Cedeira presenta por primeira vez na Galiza os temas do seu último LP, Roibén, mais tamén revisita temas de anteriores traballos discográficos e entoa temas como o seu sinxelo -e xa todo un himno- O.D.A.no que a cantora reivindica o dereito a seguir experimentando.

Pola súa parte, Uxía sumouse ao agradecemento "por facer un ciclo tan acaido con voces de muller ás que quero e admiro" e amosouse "feliz de participar neste programa interxeracional".

Ugía Pedreira apuntou que se trata dun "ciclo necesario, urxente, xusto e importante" como "creadoras da nosa vida e obra" e que, ademais, "promove o relevo xeracional". No seu  caso, "antes de saltar a fogueira de San Xoan imos facer un aquelarre, con convidados como Guadi Galego, cun espectáculo único, de comunidade e coreografía social".

E, por último, Antía Muíño dixo sentirse "afortunada" xa que "non se ofrecen tanto espazos como o Colón: un templo da cultura e da arte" e tamén "feliz de compartir cartel con elas, mulleres referentes, e de continuar ese camiño que elas abriron". 

Máis en CULTURA
Comentarios